Carlos Casares, a través do obxectivo da súa cámara

vigo

A Casa Galega da Cultura acolle unha mostra de cincuenta fotografías do ámbito familiar co nexo común da viaxe

ana baena. vigo abaena@atlantico.net
Publicado: 04 ago 2017 - 02:34
O alcalde inaugurou onte a exposición “Carlos Casares e a fotografía” na Casa Galega da Cultura.
O alcalde inaugurou onte a exposición “Carlos Casares e a fotografía” na Casa Galega da Cultura.

“Carlos Casares sempre é unha fonte de sorpresas, un home polifacético, o que se fai sobre el supón un reforzamento da propia cultura de Galicia”. Así Abel Caballero resumíu a sensación que espertou a visita á exposición “Carlos Casares e a fotografía”, que onte inaugurou na Casa Galega da Cultura. Promovida pola Fundación Carlos Casares, co apoio do Concello, englóbase dentro das actividades co gallo da adicatoria do Día das Letras Galegas ao autor.

A escolma suma unhas cincuenta fotografías, tanto en cor como en branco e negro, tomadas na súa meirande parte por Casares, na súa contorna familiar. As instantáneas forman parte dos fondos fotográficos de Carlos Casares, integrados por máis de 3.000 imaxes, das que se revisaron un cento para a elaboración desta mostra.

Baixo o comisariado de Vítor Vaqueiro e Gustavo Adolfo Garrido, segue un mesmo fío conductor, a viaxe. Non embargante, diferéncianse distintos apartados segundo a súa abordaxe: a abstracción artística, o retrato fotográfico, o de carácter etnográfico, as esceas familiares, o paisaxístico ou as puramente turísticas.

Nun sinxelo acto de inauguración, que tivo lugar na propia sala de exposición, o seu fillo Christian lembrou que foi nese mesmo espazo onde se fixo a primeira mostra sobre o seu pai, a que máis adiante daría paso a montaxe itinerante “Os mundo de Carlos Casares”. Recalcou do homenaxeado que “amais de escritor, era un apaixoado do mundo das artes e polo tanto de fotografía que practicaba como amateur, pero tamén como profesional en traballos como a “Guía turística á provincia de Pontevedra” onde realizou os textos e as imaxes”. Asemade Christian vencellou a actividade fotográfica do seu pai con outra das súas afeccións: a de coleccionista. “Tiña un gran número de cámaras, pero non se limitaba a gardalas, utilizábaas todas”, asegurou.

“Esta mostra tenta poñer ao público en contacto cunha faceta descoñecida do escritor, unha faceta que constitúe otra dimensión do home e, interactuando coa súa obra literaria, contribúe a deitar luz sobre as moitas veces esvaídas relacións entre as distintas actividades expresivas da personalidade humana”, recolle o texto dos comisarios.

“Carlos Casares e a fotografía” permanecerá en sala ata o vindeiro 3 de septembro.

Contenido patrocinado

stats