Feijóo anuncia a redacción dun novo plan para a cultura galega

A escritora e catedrática María Xosé Queizán recibiu o galardón ás Letras na convocatoria que fai a Xunta

axencias santiago
Publicado: 24 ene 2017 - 10:28
O presidente da Xunta e o conselleiro de Cultura, rodeados dos premiados.
O presidente da Xunta e o conselleiro de Cultura, rodeados dos premiados.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo comprometeuse a elaborar este ano 2017 un plan para o sector cultural no que se teñan en conta as súas "achegas e reflexións" durante a gala da Cultura Galega na que foron premiados María Xosé Queizán (Letras), Miguel Fernández-Cid (Artes Plásticas), Sarabela Teatro (Artes Escénicas), Maximino Zumalave (Música), Numax (Audiovisual), Irmandade Xurídica Galega (Lingua), Museo de Pontevedra (Patrimonio Cultural) e Elena Zernova (Proxección Exterior) .

Un a un recolleron os seus galardóns nun acto presidido polo xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, e que contou con outras autoridades como o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva.

Durante a súa intervención, Alberto Núñez Feijóo sinalou que "quero anunciarlles, hoxe, aquí, o compromiso do Goberno galego de elaborar un Plan da Cultura Galega, concibido como ferramenta de traballo básica construída con achegas e reflexións dos principais axentes dos distintos sectores culturais para definir entre todos as liñas mestras da cultura galega nos próximos anos", salientou Feijóo.

O mandatario autonómico, que no seu discurso tivo palabras para o recentemente celebrado acto de 35 aniversario do Parlamento e a toma de posesión de Gerardo Fernández Albor como primeiro presidente galego, incidiu en que este plan ten que concibirse como unha "ferramenta de traballo imprescindible que permita fixar unhas bases de planificación a medio prazo do futuro cultural", centradas en estruturar e priorizar as liñas fundamentais da actuación no ámbito cultural.

A LABOR DOS DOCENTES

No acto tamén interveu o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, quen destinou parte das súas palabras para destacar o labor dos docentes como primeiro chanzo para desenvolver a cultura. "A cultura e a creatividade son valores básicos que nos sitúan no mundo, que nos fan á vez diferentes e iguais", destacou o tamén titular de Educación, quen remarcou que o traballo dos premiados é "un estímulo para fomentar unha cultura libre e aberta ao mundo".

Os Premios da Cultura Galega, que convoca anualmente a Xunta, son o recoñecemento ao labor desenvolvido por entidades culturais e profesionais independentes. O galardón consiste nunha peza de bronce realizada polo escultor Manolo Paz baixo o título "Froito", coa que se representan os logros da vida como resultado do esforzo e a constancia.

Queizán leu na súa intervención un poema cunha alegación feminista

Durante o seu discurso, o presidente da Xunta expresou que grazas á Galicia da cultura, o pobo galego creou unha identidade colectiva e fíxose presente no mundo. "Galicia está viva. A súa maneira de ser non está ancorada nun momento concreto, nin reducida a tecnoloxías específicas, porque posuímos unha cultura capaz de adaptarse, de incorporar tendencias novas e de atender ao alleo", aseverou, antes de abundar en que os premiados son "boa mostra" diso.

Finalmente, o xefe do Executivo autonómico indicou que "se pode aplaudir ou discrepar" cos artistas, pero "a cidadanía sempre se enriquece coa súa obra".

Núñez Feijóo, recoñeceu a labor da cada un dos premiados. "O feminismo galego levará sempre o nome de María Xosé Queizán (Letras)", proclamou Feijóo, quen dixo que premiala a ela é facelo con "tantas mulleres galegas que loitaron por dereitos básicos", proclamou o mandatario autonómico.

Na súa intervención, a escritora e catedrática de Lingua e Literatura Galega, leu un poema cunha alegación feminista e agradeceu o galardón recibido ao xurado que "tivo a ben" fixarse nela.n

Contenido patrocinado

stats