Ares golpea primeiro
liga galega a
O barco coruñés gaña a regata inaugural da Liga Galega con cinco barcos en dez segundos
O prognóstico indicaba unha Liga Galega de igualdade. Os adestradores falaban de ata seis traiñeiras con opcións de vitoria e moito favoritismo para Ares e Samertolameu. Os entendidos non fallaron salvo no feito de que Bueu carece de potencial para loitar polos primeiros postos. O grupo de seis é de cinco e onte cubriron a regata de Mera, no concello de Oleiros, nunha marxe de dez segundos, a pesar de vogar en diferentes quendas. O curso promete moitas emocións na primeira categoría do remo galego.
O barco máis rápido foi Ares. A traiñeira coruñesa, que remou en augas coñecidas onte e hoxe o fai na casa, foi a última das candidatas ó título en saír ó campo de regatas e a que cubriu o percorrido no tempo máis baixo. A modo de contrarreloxo e cun ollo posto nas referencias, a tripulación marcou o mellor tempo en todas as balizas. Na boia inicial, Ares rebaixou un segundo o tempo de Tirán e Mecos no primeiro longo e, dende ese instante, aumentou a renda nos seguintes longos ata alcanzar a media ducia de renda. Pagou algo o esforzo no treito final, pero aguantou ben para levantar a bandeira inaugural da tempada e facerse co liderado.
Probablemente, o gañador beneficiouse algo dunha lixeira baixada do vento nun día no que soprou forte no concello de Oleiros e o facía de xeito lateral, o que converte a regata nun auténtico padecemento para os patróns e os remeiros. Nesa situación, manter o equilibrio axeitado do bote é realmente difícil e tamén o é enganchar cada pada no auga polas continuas ondiñas.
Samertolameu e Vilaxoán dirimiron a primeira quenda do día cun fermoso man a man. Pasaron a boia inicial no mesmo tempo, na segunda adquriu "A Terca" un segundo, que foron dous na terceira, pero o rego definitivo tivo cor de Vilargarcía. O saldo para o barco moañés foi favorable, pero por menos dun segundo. Quedaba por saber se a actuación era boa ou negativa e o segundo man a man do día dictaminou que os remeiros de Dani Pérez teñen que mellorar porque o barco moañes caeu ata a cuarta posición.
Tirán Pereira e Mecos viviron unha regata aínda máis axustada na segunda quenda que o presenciado na primeira. No ecuador da proba, fixeron a ciavoga no mesmo tempo, meteu a proa a tripulación grovense no terceiro longo, pero a experiencia da "Mar do Con" decidiu nos últimos metros. O impulso final deu o barco adestrado por Benji Vázquez a vitoria parcial e o segundo posto na regata. Despois, Ares estableceu o mellor tempo do día para pechar a proba cunha renda de 4.55 sobre Tirán, 5.33 con Mecos, 9.35 con Samertolameu e 10.25 a Vilaxoán. Cifras que parecen amosar unha tempada notablemente igualada entre as cinco tripulacións de cabeza.
Hoxe, un pouco máis o norte (12:00), no concello de Ares, a tripulación local tentará sumar unha nova victoria para convérterse no principal candidato ó título. Volverá a moverse o aire, pero golpeará de proa a popa, completamente diferente o de onte e será o momento de ver se a experta tripulación coruñesa ten capacidade de reacción e tamén que barco dos cabeceiros ten profundidade no equipo para mellorar a traiñeira con trocos.n
Contenido patrocinado
También te puede interesar