Demasiados buratos para gañar a Supercopa

supercopa feminina

O Mecalia Guardés, nun inicio de partido nefasto e vítima da ansiedade despois, perde nas Travesas ante o Rocasa, que levanta o primeiro título da tempada

Jorge Castro. vigo deportesad@atlantico.net
Publicado: 03 sep 2017 - 02:52
A xogadoras do Guardés, a pesar da derrota, realizaron a tradicional fotografía cos seus seguidores que animaron dende o seu curruncho.
A xogadoras do Guardés, a pesar da derrota, realizaron a tradicional fotografía cos seus seguidores que animaron dende o seu curruncho.

O novo traxe do Guardés ten buratos ou o verán converteu a granítica defensa do Baixo Miño en material semellante á pedra Pómez porque onte, na pista das Travesas, a formación dirixida por José Ignacio Prades amosou fraxilidade, pouca lectura do xogo rival, falta de axudas e, en consecuencia, encaixou moitos máis goles dos recomendables se se quere gañar un título cando o opoñente é o Rocasa Gran Canaria, unha formación con experiencia, curta en xogadoras, pero non en calidade. Sabe onde é forte e tamén onde facer dano ó rival.

Aínda así, a Supercopa tiña billete e medio de avión cara a Illa de Gran Canaria ós dez minutos de partido. Un comezo nefasto para a formación da Guarda no pavillón das Travesas que obrigou a dous tempos mortos de Prades con parciais demoledores. 1-4, 2-7 ou 6-12.

Defensa dura e ó límite. Carreiras a toda velocidade cara o área contraria, lanzamento exterior e finalización polo extremo. Fixo de todo e case todo ben o Rocasa no inicio do partido. Lusson e Mbengue tiraban de fóra, Haridian Rodríguez facía de pivote en movemento con defensa aberta para rachar as formulacións do Guardés. Cando libraba a defensa sobre ela movía ás compañeiras con atino María González e, por último, Tiddara Trajaola amosou todo un repertorio do que ten que facer unha extremo.

O Guardés naufragou de saída co 6.0 e despois pasou a defensas 5.1 e, por momentos, 4.2. Comezou a funcionar o equipo cando xa estaba seis goles abaixo. Despois, faltou a calma do campión porque a Supercopa estaba moi complicada, pero non estaba perdida. Pero as xogadoras de Prades quixeron marcar os goles de dous en dous e iso, normalmente, pagase con precipitación e erros.

No primeiro tempo o equipo da Guarda rematou a catro goles (10-14). Quedaba un mundo por xogar, ía perdendo, pero faltou un certo punto de calma. De saber parar o partido e volver a comezar. De recordar os principios do xogo. Entón, había unha perda de balón, unha mala lectura de ataque, un mal pase ou unha conexión co pivote que non aparecía coa xogadora soa en seis metros.

Sucedeu antes do descanso e tamén no segundo co 17-21 ou nas nas ocasións en que se puxo a catro goles o equipo da Guarda con superioridade numérica. Pero sempre chegou o erro, o balón perdido e o pesar.

A última opción foi coa defensa de regreso ó 6.0 e a falta de algo máis de tres minutos para o final co 23-26 e superioridade, pero chegou unha acción polo extremo de Falcón ó límite da falta e ataque que rematou en gol. Foi o derradeiro intento de levantar unha final na que o Guardés loitou contra un gran equipo, pero tamén contra a súa ansiedade e as gañas de levantar o título ante o seu público. E se xa é complicado gañar ó Rocasa, é imposible se tamén loitas contra ti.

Mecalia Atlético Guardés:

Carratú, Ana Cerqueira, Sempere (1), Egozkue (7), Doiro (1), Inés Hernández (1), Urban -equipo inicial- Marta Méndez (1), Mendoza (1), Kurchankova (2), Estela Carrera (p.s.), Castell, Jenni Gutiérrez (3), Espiñeira (6), Urban (2), Carla Gómez (1).

Rocasa Gran Canaria:

Silvia Navarro, Falcón (2), Lusso (7), Mbengue (5), Haridian Rodríguez, Trajaola (8), María González (6) -equipo inicial-, Pizzo, Ferreira, Toscano, Schuster, Arinegua Pérez, Dara Hernández (p.s.).

Parciales:

1-3, 1-4, 5-9, 6-12, 8-12, 10-14 (descanso); 14-17, 16-20, 19-25, 21-26, 26-28.

Árbitros:

Antonio Merino Miro e Francisco Javier Moyano. Exclusións temporais de dous minutos a Sempere, Egozkue e Carla Gómez no Guardés e a Pizzo, Lusso, Mbengue, Haridian e Trajaola no Rocasa Gran Canaria.

Incidencias:

Partido disputado no pavillón das Travesas ante, aproximadamente 2.000 espectadores. Aproximadamente a metade procedente da da Guarda.

Contenido patrocinado

stats