Carla Fernández e Anxo Carril gañan na Copa Galicia de ciclocross en Nigrán
Ciclocross
Carla Fernández e o sub-23 Anxo Carril pechan a Copa Galicia con vitoria ó impoñerse no ciclocross Porto do Molle disputado onte en Nigrán nun percorrido con auga e barro
Ciclocross de vella escola, a campo aberto. E alí trázase con cintas o percorrido. Hai herba, charcos, desniveis, fochancas, auga… O lameiro que tanto gusta ós afeccionados e a algúns dos especialistas nesta modalidade do ciclismo. Outros pasan padecementos con cada lagoa improvisada do trazado, pero así é esta disciplina e neste contexto a vitoria no ciclocross Porto do Molle foi viguesa. En mulleres, para Carla Fernández, que ratificou a súa vitoria na Copa Galicia cun novo triunfo parcial, mentres que en homes o sub-23 do Coruxo Anxo Carril deu ó club organizador unha das principais ledicias da tempada ó cruzar a liña de chagada na primeira posición. Unha vitoria na casa, no seu lugar de adestramento habitual, no campo de Porto do Molle que, mentres espera novas naves industriais, serve de lugar excelente para o ciclocross.
- GALERÍA | A celebración da Copa Galicia de ciclocross en Nigrán, en imaxes
En féminas, a vitoria de Fernández (50:45) resultou especialmente solvente ó superar en case tres minutos a Iria Nieto (53:14), mentres que Sarela Conde (54:05) foi terceira e primeira sub-23 por diante da ponteareá Uxía Soto (56:16).
Na proba masculina, Carril sacou proveito ó coñecemento do terreo e tamén á súa forza. Ausente Samuel González, gañador da Copa Galicia, o do Coruxo parou o cronómetro en 58:08 para superar ós portugueses Vitor Manuel Santos (1h 00:34) e Bruno Silva (1h 02:09). Luis Fernández Oliveira, do Avanza porriñés, foi o primero galego élite da proba.
No referente ás categorías inferiores, Sandra Vila deu o segundo posto júnior ó Coruxo ó ser superada por Iris Fernández (Maceda), mentres que a delegación cadete do Lynalfa Ponteareas estivo lonxe da vitoria. Alba Gregores tivo que conformarse coa terceira praza e Xián Alvariño rematou sexto. Rodrigo García, do Avanza, rematou cuarto para ser o mellor dentro dos ciclistas da súa idade do área de Vigo. O vindeiro 7 de xaneiro celébrase en Cambre o Galego.
Contenido patrocinado
También te puede interesar