O forte vento marcou o Campionato de Galicia de atletismo

Atletismo

O forte vento que invalidou algunhas marcas nunha boa xornada atlética, na que o Celta acadou cinco vitorias. O céltico Jorge Román (47.09) superou ó vigués Jacobo Soler (47.11) nunha gran final dos 400 metros

Adolfo Sáinz-Maza acadou a segunda posición na proba de salto con pértega.
Adolfo Sáinz-Maza acadou a segunda posición na proba de salto con pértega.

As pistas de atletismo de Balaídos albergaron onte o Campionato de Galicia absoluto que rexistrou un notable nivel atlético con boas marcas aínda que o forte vento anulou algunhas delas para o ránking. Unha pena polo bo papel feito polos deportistas, que ofreceron un destacado rendemento. Especialmente sobranceira foi a carreira dos 400 metros na que o céltico Jorge Román amosou a candidatura a meterse entre os mellores de España da distancia porque superou ó vigués Jacobo Soler, que nos últimos anos foi finalista nos estatais. O celeste marcou a súa marca persoal con 47.09 polos 47.11 de Soler. Tamén acadou a vitoria Román en 200 metros con 21.10, pero con vento favorable.

Adolfo Sainz-Maza, do Celta e especialista en probas combinadas, acadou a primeira posición en altura (1.89) por diante do redondelán Gael Couñago (1.86) e foi segundo en pértega (4.20) por detrás de Aitor Fernández (4.40).

As vitorias do equipo vigués completáronse coa primeira posición de Marcos Bouza en disco (47.10) e Eva Piñel nos 1.500 metros (4:31.12)

Máis aló das vitorias celestes, tamén tiveron un bo papel outros deportistas da cidade como Andrea Pais (Alcorcón), que gañou en 200 metros con 25.07 tras facer 24.88 nas series. Olaia Becerril, con vento ilegal, marchou ata os 5.81 metros en lonxitude e Beatriz Viteri gañou en pértega (3.60) para bater o récord galego de +35 anos.

Precisamente, no tocante ás plusmarcas, destacou a proba de 110 valos, xa que o coruñés Hugo Vázquez estableceu un novo récord galego absoluto con 14.08 ó rebaixar nunha centésima ó anterior tempo do olímpico rosaleiro David Gómez.

Dividido en quenda de mañá e tarde, o Galego deixou un notable espectáculo e, como é habitual, unha fermosa combinación de atletas na súa última etapa de formación en competición cos xa adultos.

Contenido patrocinado

stats