Loita moañesa polo ascenso e o título
liga galega traiñeiras
Tirán e Samertolameu inician o sábado a Liga Galega como aspirantes á vitoria e Vilaxoán como principal rival; Cabo da Cruz é a favorita en mulleres
A loita ten arrecendo de quedar en Moaña. Tirán Pereira, como gran favorita, e Samertolameu, como secundaria principal, son as traiñeiras que parecen chegar un paso por diante á tempada da Liga Galega de Traiñeiras, que comeza esta fin de semana en cunha dobre sesión de remo para a Liga Feminina e a primeira categoría masculina e cunha proba, o domingo, para a segunda de homes.
Precisamente, entre as mulleres, o cartel de candidato é absoluto para Cabo da Cruz. O barco de Boiro, que o ano pasado cedeu ante a unión de Mecos-Coruxo, parte, a priori, dous pasos por diante dos seus rivais que, precisamente, tamén deberían proceder dos clubs de Moaña nunha tempada histórica no remo da localidade porque, a pesar da pandemia da Covid, este sábado haberá por primeira vez na Liga Galega representación dobre no auga de Tirán e Samertolameu.
De regreso ós homes, Benji Vázquez, técnico do equipo do Con, recoñece que ten "máis potencia que a pasada tempada", na que a súa tripulación rematou na segunda posición en Galicia por detrás de Ares e na cuarta no 'play-off' de acceso á Liga ACT. Gañar o título e regresar á máxima categoría son as metas no horizonte do preparador. Cun repaso home a home da súa tripulación, amósase un notable potencial con máis dunha decena de remeiros con experiencia na categoría e, especialmente, a madurez de canteiráns de baixa idade pero chamados a aportar moitos watios. A todos eles engadiuse Cristofer González cedido por Kaiku, da máxima categoría, por cuestións laborais.
Un paso por detrás do seu veciño aparece Samertolameu con Dani Pérez Fandiño como técnico. O adestrador deu este ano un salto na renovación do equipo destinada a crear una base sólida para a vindeira década con deportistas xuvenís –podios en anos anteriores no Campionato de España– que afrontan o seu primeiro ano cunha importante responsabilidade. Perderon a regata no inicio de campaña ante Tirán, pero o barco pode ter melloría coas semanas porque debido ó coronavirus non tivo a rodaxe necesaria tras facer trocos. Ademais dos remeiros da casa, o preparador mantén a veteranos de nivel como Víctor Rodríguez, Macey ou José Boubeta e incorporou calidade coa chegada de José Parada 'Txiqui', Fran Abreu e Dani Folgada. De non poder estar ó nivel dos seus veciños, asegurar a segunda posición e, polo tanto, una praza na promoción de ascenso á ACT é a meta final.
Ante a fortaleza dos dous barcos de Moaña, aparece Vilaxoán como principal alternativa baixo a tutela de José Ángel Cambados 'Truco', exadestrador de Tirán Pereira na ACT e cunha notable experiencia na máxima categoría. O principal hándicap é que deberá xestionar unha tripulación nova e con moi poucos canteiráns, o que pode limitar o seu rendemento.
A partir de aí, ningunha outra tripulación parece poder aspirar ás prazas dianteiras, aínda que Mecos –moi renovada tras o terceiro posto de 2019- e Bueu, con remeiros de nivel pero moita xuventude, poderían loitar pola zona alta.
Completan a categoría o filial de Cabo da Cruz, Esteirana, Mera, Muros e Rianxo. En total, serán dez barcos na máxima categoría e seis na segunda, que estará composta por Castropol, Cesantes, Chapela, Perillo, Narón e Puebla. Un número reducido polas renuncias forzadas pola pandemia da Covid. A viguesa Coruxo foi a primeira en renunciar e despois seguíronlle A Cabana (homes e mulleres), Mugardos (homes e mulleres), Esteirana (mulleres), Náutico de Riveira (mulleres), Cedeira (homes) e Amegrove (homes).
O inicio da competición adiouse ata este fin de semana, medio mes máis tarde do inicialmente previsto. Días para avanzar no acople dos barcos nunha disciplina moi técnica.
Contenido patrocinado
También te puede interesar