Prado: “Unha homenaxe así é algo que chega ó corazón”

Remo

A familia do remo Chapela despediu a Julio Prado, que marcha da presidencia

Julio Prado foi homenaxado onte no Multiusos de Chapela nun acto presidido pola alcaldesa, Digna Rivas.
Julio Prado foi homenaxado onte no Multiusos de Chapela nun acto presidido pola alcaldesa, Digna Rivas.

Tarde de emocións, dalgunha bágoa, de anécdotas. O club de remo Chapela recoñeu onte á tarde a traxectoria do presidente Julio Prado, que tras vinte anos na entidade, a metade como máximo dirixente, deixou paso a Antonio Viaño e a familia ‘berete’ organizou un acto de homenaxe. "Son cousas que a un chéganlle ó corazón. Este acto é un tema simbólico porque xa se fixo o cambio, pero que llo recoñezan a un despois de tantos anos, parece que quere dicir que, polo menos, algo fixemos ben”, explica o xa exmandatario e engade que é polo que “fixemos polo remo, pero tamén algo pola parroquia. Polo menos, darlle a moitos rapaces unha alternativa máis de deporte e creo que o remo é moi adecuado porque ensina a traballar en equipo”.

Ós 72 anos, Julio Prado sae da directiva, á que chegou “hai máis de vinte anos porque meu fillo era remeiro e segue sendo. Aínda que tamén o vaia deixar porque tamén pasan os anos”, explica. E, despois de todo o traballo feito, é o momento de “deixar paso a outra xente. Remata a etapa na presidencia, aínda que seguirei axudando un pouco. A persoa que queda (Antonio Viaño) xa leva cinco anos na directiva e xa contabamos con facer este cambio”, describe Prado.

De feito, nos plans do xa exmandatario, o final da súa etapa estaba previsto para hai algo máis de dous anos, pero “saíu o proxecto de traer a Juan Zunzunegui e apostamos por profesionalizar esa parcela deportiva. Comprometinme con el e co patrocinador a seguir estes dous anos, que foron case tres. Pero é moito tempo e xa non está un para o esforzo que esixe o club. Ven xente con novas ideas, aínda que os trocos serán poucos porque a directiva, salvo eu e unha muller, segue toda”.

Para artellar un balance, Julio Prado, remite ós datos. O club está nun gran momento deportivo porque “temos catro traiñeiras no mar. A de veteranos loita sempre pola vitoria na Liga Galega; temos o barco feminino, que ven de gañar e a mantemos, e as dúas tripulacións masculinas. Creo que é un presente moi bo e agora empezamos a tempada de bateis. Dispoñemos de barco en todas as idades, polo que o club está nun gran momento. En 2023, alcanzamos as 170 fichas, que é unha cifra moi importante no mundo do remo”. E, no aspecto de xestión, Prado esforzouse por deixar unha herdanza sen tacha: “Era un dos temas que máis me preocupou. E o club está saneado. Quería deixalo sen débeda e tiña claro que era un punto principal á hora de saír, non quería deixar débeda á seguinte directiva”.

Por suposto, como en toda entidade deportiva, quedan retos por cubrir e o principal para Chapela pasa por ampliar o club. En 2012, coa construción da piscina municipal, quedaron no baixo e “pasamos de ter un club moi grande, pero en malas condicións, a ter un moderno, pero que agora faise pequeno co crecemento que tivemos”. Debido a isto, unha das últimas xestións foi "comezar a falar coas institucións porque é viable ter unha ampliación, aquí no mesmo lugar”. Xa é unha tarefa para o seu sucesor, Antonio Viaño, aínda que Prado estará para axudar, como home de club e de parroquia.

Contenido patrocinado

stats