Tirán e Chapela pescan un bronce nas augas da Etea

CAMPIONATO DE ESPAÑA DE BATEIS

Vigo acolleu as finais do Campionato de España, con 11 medallas para barcos galegos

jorge castro. VIGO
Publicado: 29 abr 2019 - 02:26
A tripulación cadete de Tirán Pereira acadou a terceira posición no Campionato de España de bateis disputado nas augas da Etea.
A tripulación cadete de Tirán Pereira acadou a terceira posición no Campionato de España de bateis disputado nas augas da Etea.

Non foi o Campionato de España de bateis con maior colleita para as embarcacións galegas, pero a competencia era alta e o nivel competitivo amosado polos participantes resultou de gran nivel. Polo tanto, as once medallas (con catro títulos) de 24 en xogo son un bo rexistro nunha mañá solleira na Etea viguesa cun campo de regatas con vento á primeira hora e apenas unha lixeira brisa no momento de vogar os palistas sénior.

No referente ás embarcacións da Ría de Vigo chegaron dúas boas novas, ambas en cadetes, con bronces traballados e, incluso, algo inesperados, mentres que outras opcións, que parecían algo máis claras, quedaron ás portas de entrar no podio. O batel feminino cadete de Tirán Pereira realizou unha competición impecable, de moita madurez e case impropia para cativas de quince anos porque na primeira e na segunda ceavoga estaban con escasas opcións de meterse no podio, con retraso de dous e tres segundos sobre o bronce. Non obstante, as moañesas non cederon unha pada en toda a competición para superar a Kaiku nos últimos metros por menos de medio segundo. A entrada foi tan axustada que tardaron varios segundos en coñecer que o podio era seu, ata que as árbitros confirmaron a súa posición. A vitoria foi para A Cabana, por diante de Rianxo.

Pola súa banda, o batel xuvenil feminino de Tirán careceu de opcións a pesar de ter un bo comportamento. Rematou na cuarta praza a unha ducia de segundos da vitoria e por detrás de Tolosa, Vilaxoán e Orio, que entraron en menos de cinco segundos.

Podio para Chapela cadete

O club redondelan de Chapela viviu onte a boa nova do Campionato de España tras unha xornada de eliminatorias case negra na que as súas principais bazas quedaron fóra da final. Non obstante, o batel cadete de nenos realizou unha magnífica proba nunha categoría de infarto. Pola última baliza pasaron Muros, Chapela e Ares en dous segundos e o rego definitivo resultou cardíaco. Finalmente gañou o barco da Ría de Muros-Noia por diante do coruñés e do de Redondela.

Desgusto para Samertolameu

Pola súa banda, o club de Samertolameu tivo unha xornada escura, non polo rendemento, pero si pola colleita. A tripulación sénior feminina realizou a que, probablemente, foi a mellor regata da tempada. Pasou co peor tempo das eliminatoras á final, pero loitou polo bronce con toda a rabia do mundo. Ata a derradeira baliza estivo en posicións de podio e cruzou a liña de balizas no mesmo tempo que Deusto e incluso as moañesas celebraron o posto. Foi un erro porque o barco vasco meteu a proa diante cinco centésimas. Case nada para un desgusto morracense notable. O título foi para Náutico de Riveira, seguido de Mecos.

A segunda baza do club moañés era o barco xuvenil masculino. Unha tripulación campioa galega que apostou por facerse co título de España e, no camiño, rachou. Pasou as tres primeiras balizas en posicións de podio, pero cedendo metros ata que no último rego foi superada por Isuntza e Koxtape (San Juan). O rapaces saíron ó ritmo de Zierbena e era demasiado alto.

Na categoría sénior masculina, Kaiarriba (Donostiarra) saiu á morte para tentar sorprender a Santurtzi. A táctica funcionou por 30 centésimas e o moañés Nando Rúa quedou cunha prata.n

Contenido patrocinado

stats