Unha parella novidosa para unha vitoria clásica no río Miño
piragüismo desc. Int. Miño
Tania Fernández e Ana Varela conquistaron o seu primeiro Descenso Internacional xuntas coa camisola do Kayak Tudense
Tania Fernández e Ana Varela xa sabían o que era gañar o Descenso Internacional do Miño coas cores do club organizador, un Kayak Tudense que "sempre tenta quedar primeiro nas categorías que se presenta", explica Fernández. Con todo, ata o sábado, nunca o tiñan conquerido xuntas na categoría raíña do K2. En gran medida porque "todos os anos baixaba con Carla Fernández, que é a miña compañeira de sempre. Se chegamos trocar, era como mudar de equipo, pero este ano ela, por motivos de traballo, adestrou pouco e eu non tiña pensado baixar", explica Ana Varela.
Non obstante, chegou a opción de padexar á beira de Tania Fernández, que na actualidade atópase na elite mundial de maratón pero esta campaña, "con todo anulado", non facía falla manter a preparación en K1 e chegou o momento de buscar parella. "Falámolo, decidímolo hai dúas semanas e a última quedamos para preparar a proba. A isto engadiuse que xa compartimos barcos máis veces, o que nos facilitou todo", explica Tania Fernández, que naceu en Lugo, pero está asentada ás beiras do curso baixo do Miño.
Xuntáronse dúas piragüistas de gran nivel sobre o K2 e chegou o triunfo. O primeiro no barco dobre para a lucense porque "só competín dúas veces como sénior e gañei. Unha en 2018 no individual e a outra agora no dobre". Nos últimos anos, os compromisos internacionais impedíronlle máis presenzas na mítica proba. Tamén fallou nalgunha edición polos mesmo motivos a xa veterana Ana Varela. En todo caso, " non lembro ben, pero son dez ou doce anos nos que rematei non podio. Algúns en K1 e outros en K2". Un palmarés extenso para a tudense porque "sempre se fai un esforzo para estar. É moi especial porque hai moita xente animando dende a beira do río. Moi diferente ás outras regatas", expresa Varela.
Todo isto nun ano marcado pola pandemia da Covid. De feito, o Descenso Intenacional do Miño cambiou aspectos organizativos e, sobre todo, na saída. "Ó non ser dende a beira, non é tan espectacular, pero baixar foi divertido, como sempre", expresa a tudense. Unha opinión similar á de Tania Fernández, xa que "houbo moitas medidas, sobre todo na saída, pero unha vez no río, o esforzo é o mesmo".
Ana Varela, xa afastada dos compromisos internacionais, tivo no Descenso do Miño o seu punto álxido do ano e tamén o foi para Tania Fernández porque "a nivel de maratón, cancelouse todo. Tanto en España como fóra. Así que o Descenso foi o final da tempada. É raro, pero dada a situación, era algo que podía pasar".n
Contenido patrocinado
También te puede interesar