"Co espírito de 'verín non se pecha' pode haber presidenta"

Ana Pontón Candidata do BNG á Xunta de Galicia

Ana Pontón, nun momento da entrevista, afronta a súa segunda campaña como candidata do BNG á Xunta de Galicia.
Ana Pontón, nun momento da entrevista, afronta a súa segunda campaña como candidata do BNG á Xunta de Galicia.

Ana Pontón afronta a súa segunda campaña como candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galicia. Hai catro anos prognosticábase case a desaparición se non acadaba representación no Parlamento e agora a enquisa do CIS ven de dicir que lle disputa ao PSOE ser a segunda forza máis votada.

Que pasou neste tempo para que mudaran tanto as cousas?

Pasou que a sociedade galega viu a un BNG que é unha organización na que pode confiar, que ten ideas e un proxecto político adaptado aos tempos e que se renovaba sen perder a súa identidade. Creo que nestes momentos hai unha maioría social que quere un cambio galego, que sabe que este país o que necesita é unha forza que defenda os nosos intereses e que nos fagamos valer. Están apostando con decisión pola única forza política que garantiza que o vindeiro 12 de xullo poidamos ter un cambio en Galiza. Con todo, tamén diría que hai que ser moi precavidos porque as enquisas non deixan de ser unha foto fixa dun momento. Eu estou convencida de que pode haber un cambio. Se o espírito de rebeldía que vimos en "Verín non se pecha" se manten, o 12 de xullo haberá cambio e Galiza terá presidenta.

En que cambiou Ana Pontón nestes catro anos, ademáis da maternidade?

Bueno, teño algunha engurra máis, pero diría que non cambiei, maís ben o que fixen foi aprender moito. Aprendín da xente e tamén do bo facer dos gobernos muncipais do BNG, que son un exemplo da capacidade de transformación do nacionalismo. Hoxe presentámonos con máis solidez ante a sociedade galega, que tamén tivo a oportunidade de coñecernos mellor e saben que se é posible un cambio é grazas a un partido que coñece este país, que leva moitos anos pelexando polo noso dereito a producir, para que se acabe co noso espolio enerxético, por unhas infraestruturas dignas, por darlle futuro ao medio rural. É o momento de que pasemos da defensa desas ideas no Parlamento a levalas á práctica dende o goberno porque se o cambio era necesario antes do covid-19, hoxe é máis necesario que nunca porque este país ten que acabar coa privatización e cos recortes da sanidade, ten que defender un ensino público e ademáis un novo modelo produtivo. Galiza ten capacidade e potencialidade para poder saír adiante, pero non será cun Goberno como o de Feijóo que nos está levando ao abismo. Ourense pode ser un exemplo paradigmático de como as políticas de sumisión a Madrid e as do PP levan á desaparición porque aquí cada vez queda menos xente, a poboación é máis envellecida e ten menos servizos públicos. Ese non pode ser o modelo do futuro. O modelo do futuro pasa por recuperar a capacidade produtiva, apostar pola innovación, coidar o medio ambiente e poñer o patrimonio do país ao servizo do desenvolvemento económico. E iso pode facerse con confianza en Galiza e quen confía neste país é o BNG porque os demáis están sempre mirando cara Madrid ou obedecendo órdenes de Madrid. Galiza necesita un goberno coas mans libres para poder defender os nosos intereses.

“Eu espero que o BNG evite calquera tipo de complexo e se lance a gañar porque pode facelo sen ningunha dúbida". É unha reflexión recente de Anxo Quintana, portavoz do BNG e vicepresidente do Goberno bipartito, pero hai que seducir a milleiros de persoas que non sendo igual nacionalistas queren a Galicia. Cre que é posible?

Non é que sexa posible, é o que estamos facendo. Eu como candidata do BNG preséntome para ser a presidenta desde país e ademáis creo que estamos nun momento no que podemos facer historia, podemos facer que por primeira vez Galiza teña unha presidenta e unha presidenta do BNG. É o cambio que necesita este país porque necesitamos mirar polo noso e facernos valer. Facernos valer significa defender que temos dereito a producir, que hai que desenvolver un sistema agrogandeiro que ten que dar un salto tamén na transformación dos alimentos, que temos que cambiar un modelo forestal ao servizo dunha determinada empresa por un modelo que aposte por poñer a producir todo ese potencial. Creo que os galegos e galegas que nos votan nos concellos ven que os gobernos do BNG funcionan.

Por exemplo?

Temos un exemplo magnífico en Allariz, pero estámolo demostrando tamén noutros concellos da provincia de Ourense como pode ser Verín ou onde tivemos responsabilidade de goberno. Demostramos que somos realmente quen está sacando adiante ideas novedosas e hai que trasladalas ao Goberno da Xunta. O que non podemos seguir é cun país no que o seu Goberno funciona como un motor parado. Necesitamos reactivar Galiza e o BNG ten un proxecto de futuro que ofrecerlle aos galegos, apostando pola confiaza en nós mesmos, por modernizar a nosa economía e por enfrentar tamén os retos que nos deixa o covid-19 sen esquecer que aquí hai un Goberno que durante once anos demostrou que non ten proxecto para este país, porque ademáis de desmantelar a sanidade pública, que fixo Feijóo?

Fala de vilas e cidades gobernadas polo BNG que incluso son referencia mundial como no caso de Pontevedra, pero por que non foron capaces de trasladar esa xestión municipal ás eleccións tanto autonómicas como xerais?

Nestes últimos anos demostramos que o BNG é unha forza que suma cada vez máis apoios, que está subindo e nas pasadas eleccións xerais conseguimos un escano que demostrou que se pode poñer a Galiza no centro do debate do Estado. Nós entendemos que este 12 de xullo é posible que se produza ese cambio galego en clave de país, presentámonos dende logo coa máxima ambición para poder liderar Galiza e estou convencida de que o cambio é posible. Os veciños e veciñas de Verín abríronnos o camiño de que hai que rebelarse contra tanta incompetencia e contra tantas políticas contrarias aos nosos intereses. Con esa rebeldía e con ese inconformismo temos que ir ás urnas para abrir un tempo novo que nos permita mirar con esperanza o futuro.

Na situación actual non semella doado.

É certo que imos cara unha situación moi complexa, temos unha crise económica e sanitaria e está claro que os que privatizaron a sanidade e os que quixeron pechar o paritorio de Verín non van a ser os que fagan unha sanidade máis forte. Os que estiveron desmantelando as nosas caixas e a nosa industria non poden ser os que recostrúan un país que ademáis necesita novas ideas porque non se trata de reconstruír só o que hai, e que Galiza necesita novas ideas. Eu teño moi claro que hai que camiñar cara un país no que a innovación sexa un puntal e a igualdade dos homes e mulleres outro. Amosaremos con orgullo ao mundo que temos unha lingua que abre un mercado impresionante e podemos facer un eixo de desenvolvemento co norte de Portugal... Hai tanto que facer que o que me doe e que o país está perdendo oportunidades como nos pasou nos últimos anos co Goberno do PP.

Contenido patrocinado

stats