"Non hai que pechar só o zoo de Vigo, hai que pechar todos, e tamén os acuarios"

SHEILA GARCÍA NÚÑEZ Candidata en Pontevedra do Partido Animalista

jose teo andres. VIGO jtandres@atlantico.net
Publicado: 11 sep 2016 - 02:10
Sheila García, de PACMA, o Partido Animalista.
Sheila García, de PACMA, o Partido Animalista.

nnn Sheila García Núñez é a número 1 en Pontevedra de PACMA, o Partido Animalista, onde milita dende fai un ano. Vive en Poio. Resume o seu ideario: "PACMA é a única opción política que cubre as miñas inquietudes e expectativas. É o único voto útil para loitar contra o maltrato animal, medio ambiente e xustiza social. Estou moi orgullosa de formar parte dun Partido como este. É unha actividade que compaxino co meu traballo no ámbito do ocio e tempo libre con cativos".

O PACMA gañou votos nas últimas eleccións. É unha sorpresa?

PACMA é un partido que medra comicio tras comicio, é unha forza imparable que cada día conta con máis simpatizantes, así o demostra o número de votos e as persoas que nos avalan. Esperamos seguir medrando como partido e seguir representando a voz dos animais e a todas aquelas persoas que comparten as expectativas do Partido Animalista

Que é un animalista? Por exemplo, hai que pechar o Vigozoo?

Para min ser animalista é a miña forma de vida, é algo moi persoal de cada un. Loitar polos dereitos dos animais é algo que creo todo o mundo debería facer. Somos a súa voz e por eles temos que falar. Respecto á pregunta sobre o zoo de Vigo, non creo que haxa que pechar ese zoo, senón que hai que pechar todos os zoos existentes. Nos zoolóxicos os animais viven cautivos, lonxe dos seus hábitats e sen posibilidade de satisfacer as necesidades da súa especie, o que tradúcese nun sufrimento físico e emocional que xera múltiples enfermidades. Dende o PACMA propoñemos a reconversión de todos os zoolóxicos en santuarios de animais, que o único que perseguen é o benestar dos animais sen ningún beneficio económico. O mesmo podemos dicir dos acuarios, onde os animais viven igual de cautivos.

Que propón o programa do Partido Animalista que se tiña que aplicar con urxencia?

Como en cada comicio, PACMA será a única forza política que aposte decididamente pola loita en contra do maltrato animal, e que plantexe no seu programa electoral solucións concretas para cambiar a situación na que viven os animais, tanto en Galiza como en Euskadi, así como propostas para alcanzar unha sociedade máis xusta , saudábel e solidaria para todos. Temos cinco medidas. A primeira, a prohibición de todos os festexos no que se utilicen animais. PACMA non entende o ocio a costa do maltrato animal, ou calquera outro tipo de violencia. A segunda, a loita polo fin do abandono de animais e o sacrificio cero, co fomento da adopción, a esterilización e o fin da compra e venda de animais. A terceira, o fin da caza e protección do lobos. A cuarta, o fomento das enerxías renovables e a loita contra os incendios. E a quinta, a loita pola igualdade e fronte a violencia machista.

Se fose presidenta da Xunta, que faría?

O noso principal obxectivo sempre foi obter representación e por medio delo introducir aos animais na axenda política de Galicia. Por sobre a mesa debates aos que ate agora non se lles deu espazo, e forzar á revisión das leis e normativas que afectan aos animais e que ou non existen ou están obsoletas.

Loitamos pola defensa dos sen voz, polo medio ambiente e a xustiza social. Seguiría loitando por iso se chegase a presidenta da Xunta.

Contenido patrocinado

stats