Pontón reivindica o "proxecto sólido" dos gobernos do BNG
Galicia
Os nacionalistas encaran as municipais como "previa" para desaloxar ao PP do Goberno galego
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou o "proxecto sólido e solvente" dos gobernos municipais da formación nacionalista en Galicia como "carta de presentación" e "aval" de cara ás próximas eleccións municipais de 2019, nas que avanzou que "irán a por todas" e mostrarase aos cidadáns que existe unha "alternativa" de cara a "desaloxar ao PP" da Xunta de Galicia.
Ana Pontón presidiu en Santiago un encontro con case 300 cargos municipais nacionalistas co obxectivo de "pór a punto a estratexia para as próximas eleccións municipais". Así, asegurou que o BNG conta cun "proxecto claro, definido e solvente", que ten como "mellor carta de presentación" a xestión realizada nos concellos nos que gobernan, que conseguiron, engadiu, "transformar".
Nesta liña, nun acto no que en primeira liña estaba o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo pór en valor o "exemplo" que supoñen "hoxe non só a nivel galego senón a nivel internacional" os municipios gobernados polo BNG en canto a reformas urbanas, modelos nos que se priorizan as persoas sobre os vehículos, nos que "se mellora a calidade de vida da xente", "poténciase o comercio local como fonte de emprego e dinamización social" ou se consegue que os veciños se "beneficien do feito de ter o maior número de eólicos por habitante do Estado abaratando a factura da luz, como en Muras".
Con este punto de partida, Ana Pontón avanzou que a formación nacionalista "irá a por todas" nunhas eleccións municipais de 2019 nas que se "traballará desde a humildade" pero "tamén desde a convicción" de dispor de "un proxecto sólido", co "aval dos gobernos municipais do BNG" e "o aval de que os galegos e galegas teñen no Bloque Nacionalista Galego a unha forza política na que poder confiar", porque está "preparada para gobernar os Concellos".
Pontón insistiu na importancia das próximas eleccións municipais para a formación política, que situou como "a base sobre a que poder darlle unha alternativa aos cidadáns para desaloxar ao PP da Xunta de Galicia". Os nacionalistas encaran, aseverou, "con todo o optimismo o proceso de elaboración da estratexia" de cara ás municipais, sobre a base dun "proxecto sólido" que se renovará con "novas ideas e alternativas".
Contenido patrocinado
También te puede interesar