Saída para os produtos do agro galego
Mercaproximidade / canle alternativa de comercialización
O pasado 14 de abril nacía formalmente Mercaproximidade, coa publicación ese día no Diario Oficial de Galicia (DOG) da correspondente orde da Consellería do Medio Rural. Poñíase así oficialmente en marcha unha canle alternativa de comercialización creada pola Xunta e concibida para os produtos agroalimentarios galegos que viron reducidas as súas vendas por mor do peche da hostalaría e dos mercados municipais -recentemente abertos- durante a emerxencia sanitaria.
Esta disposición e a súa publicación no DOG viña culminar un intenso traballo por parte da Consellería, a través de diversas xuntanzas por videoconferencia que o propio titular do departamento, José González, mantivo tanto coas organizacións profesionais agrarias galegas con representación no Consello Agrario como coas grandes cadeas de distribución que operan en Galicia.
Así, esta iniciativa ten por obxectivo dar saída comercial aos produtos galegos de proximidade que, tras a declaración do estado do alarma, xa non se podían comprar nos mercados locais nin consumir nos negocios de hostalaría e restauración. Coa rede “Mercaproximidade” non só se permite ao consumidor acceder facilmente a estas producións nos establecementos de alimentación que permaneceron abertos, senón tamén identificar a súa orixe con claridade.
Deste xeito, puideron acollerse á iniciativa, en calidade de provedores, os produtores de froitas e hortalizas, os produtores de mel e produtos apícolas, así como os gandeiros de vacún, porcino, ovino e caprino, entre outros. A única condición que debían cumprir era o de estar inscritos no Rexistro de explotacións agrarias de Galicia (Reaga) e, no caso dos produtos non transformados, estar integrados na sección de venda directa (Sevedi). A maiores, puideron incorporarse tamén á rede as industrias de transformación de produtos agrogandeiros inscritas no Rexistro de industrias agrarias.
Deste xeito, dende a posta en marcha desta nova fórmula de venda, máis de 450 industrias transformadoras e produtores adheríronse como provedores a Mercaproximidade. Da banda da distribución, colaboran a práctica totalidade das cadeas que operan en Galicia: Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski -cos seus establecementos Eroski e Familia-, El Corte Inglés -cos establecementos Hipercor e Supercor-, Carrefour -cos seus centros Carrefour e Carrefour Market-, Grupo Cuevas -cos seus supermercados Plenus, Aquié e Aquí-, Lidl, Alcampo, Coviran e DIA.
A iniciativa permanece aberta, tanto ás cadeas como ás empresas que subministran a colectividades e ás plataformas de venda online. O obxectivo primordial é garantir o futuro das explotacións galegas para contribuír ao futuro do noso rural.
Para incorporarse á rede, os produtores e as industrias de transformación simplemente teñen que enviar un correo electrónico a
mercaproximidade@xunta.gal, indicando os seus datos básicos e tipo de produción á que desexen darlle saída comercial.
No caso de que a adhesión se leve a cabo a través dunha organización agraria, asociación de produtores ou consello regulador, débese aportar ademais a relación de produtores representados. Por suposto, os produtores incorporados a “Mercaproximidade” están obrigados a cumprir toda a normativa hixiénico-sanitaria, de calidade alimentaria e demais protocolos que resulten esixibles segundo o seu tipo de produción. Igualmente, as persoas produtoras que se adhiran a esta rede deben cumprir as condicións e requisitos fixados polos establecementos que comercialicen as súas producións.
CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN
Paralelamente, e para apoiar a iniciativa, Medio Rural lanzou unha campaña de comunicación e sensibilización dirixida aos consumidores finais, non só para conciencialos da calidade destes produtos, senón tamén para facerlles ver que coa súa compra contribúen á viabilidade do sector agrogandeiro galego. Nesa liña, os produtos de “Mercaproximidade” están perfectamente identificados, para que os consumidores saiban da súa orixe, así como do seu vínculo coa iniciativa.
Búscase tamén recoñecer o importante esforzo que se está a levar a cabo dende o agro galego, no que o complexo agrogandeiro desempeña un papel fundamental para asegurar o abastecemento de alimentos durante o estado de alarma. Deste xeito, a intención é animar á cidadanía a mercar nos supermercados sumados á iniciativa as producións que antes compraban nas feiras ou consumían nos restaurantes. A campaña estase a desenvolver nos medios de comunicación e nos propios establecementos de alimentación, que contan nas súas portas cun vinilo co cancelo #VoudeSúperFeirón e con esta mesma identificación nos seus lineais.
ENTIDADES SOCIAIS E HOSPITAIS
De xeito excepcional, no marco de Mercaproximidade tamén se contemplou que a Consellería puidera comprar directamente os produtos adheridos á rede para a súa cesión a comedores sociais, centros sanitarios ou residencias no contexto de loita contra o coronavirus.
Como consecuencia desta medida, Medio Rural distribuíu ata un centro de toneladas de patacas nas sedes de Cáritas de toda España, unha xestión realizada a través do Banco de Alimentos de Lugo. A esta cantidade hai que engadir outras 30 toneladas cedidas por un produtor da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal), así como 2.000 botes de mel e outros tantos queixos.
A Xunta tamén doou diversos produtos agroalimentarios a outras entidades sociais para atender os colectivos máis desfavorecidos durante a emerxencia sanitaria, así como aos hospitais galegos, para que puidesen confeccionar os seus menús con producións de proximidade de calidade diferenciada.
Desta forma, Medio Rural procedeu a mercar patacas, carne, queixos e mel para repartir entre o albergue Padre Rubinos, sito na Coruña; a Cociña Económica de Santiago; San Froilán Cáritas, en Lugo; o comedor social de Cáritas de Ourense; o comedor de San Francisco, en Pontevedra; e o comedor social Vida Digna, localizado en Vigo.
Ademais, tamén se distribuíu produto de Mercaproximidade entre seis hospitais da nosa xeografía: o CHUS de Santiago, o CHUOU de Ourense, o Lucus Augusti de Lugo, e os hospitais da Mariña, de Monforte de Lemos e de Ferrol.
Tamén se fixeron entregas ao Banco de Alimentos de Ourense, sendo está a última entidade en beneficiarse desta colaboración. Neste caso, falamos de máis de 45 toneladas de produtos agroalimentarios doados ao abeiro de Mercaproximidade. En concreto, o Goberno galego cedeu para abastecer as familias máis vulnerables da provincia ourensá 30 toneladas de patacas, 250 quilos de mel, 800 queixos, 800 ducias de ovos e case 16 toneladas de carne de cabrito, cordeiro, porco celta e Ternera Gallega.
En definitiva, a rede “Mercaproximidade” ten como finalidade última frear a perda de ingresos das persoas agricultoras e gandeiras galegas para apoiar o futuro das súas explotacións e garantir así a supervivencia do motor principal da dinamización do rural.
Contenido patrocinado
También te puede interesar