O Castelo de Soutomaior, un salón de té por un día

A Deputación Provincial celebrou o día internacional desta infusión, hoxe a máis consumida no mundo

A celebración do té, onte nas dependencias de Soutomaior.
A celebración do té, onte nas dependencias de Soutomaior.

A Deputación de Pontevedra celebrou o Día Internacional do Té, a bebida máis consumida no mundo, cunha xornada e cata-degustación deste produto no Castelo de Soutomaior. Na actividade, inaugurada pola deputada Nava Castro e clausurada polo deputado Javier Tourís, persoal técnico da Estación Fitopatolóxica Areeiro detallou o proceso de colleita e elaboración do té, explicando o proceso de murchado mediante o cal se deixan os gromos ao sol para que perdan a humidade e se volvan maleables para facilitar o posterior enrolado. O broche de ouro tivo lugar coa cata-degustación, na que as persoas que acudiron á actividade puideron gozar de diferentes tipos de té elaborados en Areeiro como té verde, con pétalos de feixoa, té vermello e negro.

O deputado responsable da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Javier Tourís, subliñou na clausura o papel clave de Areeiro, “que leva máis de 20 anos estudando, seleccionando e propagando clons de Camellia sinensis da que se obtén o té”. Tamén remarcou a aposta decidida da Deputación de Pontevedra para impulsar a marca TeAreeiro, “unha iniciativa que vai converter á provincia nunha referencia na produción de té con características senlleiras, un té 100% Rías Baixas”. Ademais subliñou a “magnífica oportunidade” que supón o cultivo e fabricación de té para o “desenvolvemento económico e o impulso do rural da provincia”.

Pola súa banda a deputada de Turismo, Nava Castro, encargada de inaugurar a xornada, recordou que a provincia de Pontevedra é o espazo de toda Europa co maior número de xardíns integrados no Itinerario Europeo de Xardíns Históricos, con seis en total, que teñen en común á camelia. Tamén asegurou que son cada vez máis as persoas que se achegan á provincia “buscando algo diferente, único, para gozar dese slow turismo cada vez máis demandado e que tan ben representa todo o que ten que ver coa camelia”. Por estes motivos, Castro adiantou que o novo Plan Estratéxico de Turismo terá, entre os seus eixos, á camelia.

Contenido patrocinado

stats