O BNG destaca que Represas aprobou orzamento e PXOM

condado/louriña

Na súa valoración, os nacionalistas calificaron a oposición do PP de “lamentable”

redacción. ponteareas lcomarcas@atlantico.net
Publicado: 04 ene 2017 - 02:42
Xosé Represas, arriba en rolda de prensa, goberna co apoio do PSOE
Xosé Represas, arriba en rolda de prensa, goberna co apoio do PSOE

O BNG saíu ao paso das recentes declaracións do Partido Popular sobre o Pleno extraordinario do pasado día 28 e o seu papel de oposición. O BNG de Ponteareas tamén cuestionou a lexitimidade do Partido Popular para "criticar ou esixir ao novo goberno local que resolva en pouco tempo os problemas que o PP creou décadas e non foi quen de solucionar".

“Fronte a actitude destrutiva do PP, que só busca obstaculizar a acción do goberno presidido por Represas”, o Bloque lembra que “en só 18 meses, o novo goberno foi quen de por orde na situación económica do Concello, aprobar o primeiro orzamento municipal despois de seis anos, sacar adiante a aprobación do PXOM polo Pleno e xestionar a subvención de fondos europeos para modernizar Ponteareas, entre outros logros.”

Para o BNG non é unha sorpresa a actitude do PP no último ano. Os nacionalistas fan balance do labor de oposición dos populares, indicando que dos concelleiros do PP non saíu ningunha iniciativa para mellorar Ponteareas. “Coas súas intervencións en cada Pleno demostran non ter ningún sentido do ridículo”, afirman os nacionalistas, que amosaron a súa satisfacción "polo cambio de criterio do PP, que se preocupa agora dende a oposición polo patrimonio ponteareán tras cometer durante o seu paso polo goberno múltiples atentados patrimoniais contra elementos como a Ponte dos Remedios e das Partidas, fontes, lavadoiros, muíños, atrios de diferentes igrexas e ducias de cruceiros das parroquias ponteareás".

"O Partido Popular deberá explicarlle aos veciños e veciñas por que lle molesta tanto o novo aparcadoiro da rúa Santa Ana, que permite o estacionamento duns 100 vehículos nas proximidades da zona comercial da Praza Maior", sinalan dende o Bloque. Así mesmo, apuntan que "o PP non se entera, e ante a boa xestión do goberno local non teñen outro xeito de facer oposición que adicarse a facer ruído para distorsionar e intentar confundir á cidadanía".

Contenido patrocinado

stats