O capitán Cunqui e os seus mariñeiros arriban a pediatría do Cunqueiro

vigo

Unha divertida panda capitaneada polo polbo “Cunqui” e formada por cinco mariñeiros son os novos compañeiros dos nenos e nenas hospitalizados no Álvaro Cunqueiro.

Proxecto de humanización da Unidade de hospitalización pediátrica do Hospital Álvaro Cunqueiro

Son as novas mascotas e o eixo central sobre o que pivota a humanización que ven de ser acometida na Unidade de Hospitalización Pediátrica. Neste senso, realizouse unha intervención integral, cunha decoración baseada na temática referida ao mar da ría de Vigo e a súa contorna, as súas praias, flora e fauna, os fondos mariños... e todos aqueles elementos que conforman un ecosistema único. Ademais, ten especial atención aos deportes náuticos.

A intervención decorativa desenvolveuse en todos os espazos que conforman a planta de hospitalización, incluíndo corredores, salas de estar e salas de procedementos. Os cuartos foron deseñados en función da idade dos pacientes ingresados neles. Desta forma, a ambientación é diferente nos cartos dos bebés, preescolares, e adolescentes.

Contar cun espazo cálido, alegre e adaptado aos menores, con colores e motivos infantís, diminúe o estrés e favorece emocións positivas nos nenos cando están ingresados no Hospital.

Cada mascota, un sentimento ou emoción

Os pequenos pacientes vivirán unha experiencia que fará máis fácil e menos traumática a súa estadía hospitalaria, xa que, ademais de converter o espazo nun lugar máis amable, aprenderán a identificar as súas propias emocións e sentimentos coa personalidade de cada un destas mascotas, de maneira que lles resulte máis sinxelo comprender e expresar os seus estados anímicos.

Así, cada unha das mascotas representa un sentimento e emoción: alegría, tristeza, medo, inseguridade, timidez...

O Capitán Cunqui lidera o grupo simbolizando o coidado e agarimo co que todo o persoal sanitario asiste aos pacientes pediátricos.

A panda de mariñeiros está formada polo Peixe “Soñico”, canso e somnolento; o delfín “Alegro”, xoguetón e extrovertido; a estrela de mar “Meda”, desconfiada e asustadiza; o cangrexo “Furio”, malhumorado e distante; e a Ameixa “Ostriña”, tímida e tristona.

Humanización, dereito dos nenos e nenas

O proxecto “Cunqui e os seus mariñeiros” enmárcase dentro do Plan de Humanización que o Hospital Álvaro Cunqueiro está a levar a cabo. Segundo a xefa de sección da Unidade de Hospitalización Pediátrica, Mar Portugués -“Humanizar a asistencia comeza coa actitude próxima, positiva e de boa comunicación dos profesionais, demostrando empatía, tanto aos nenos como ás súas familias, xa que humanizar a asistencia é un dereito de todos os pacientes, especialmente daqueles máis vulnerables, como son os menores”-.

Ademais, segundo expresa a supervisora da Unidade, Conchi Estévez -”ter un espazo máis amable, cálido e adaptado ás necesidades do neno e as súas familias, facilita a relación terapéutica e a relación de confianza que se establece co persoal”-.

Nunha segunda fase do proxecto, a través dos dispositivos interactivos cos que conta cada cama, os pacientes poderán acceder a unha app con xogos e aprendizaxe sobre os espazos naturais das Illas Atlánticas.

A satisfacción con este proxecto está sendo moi elevada por parte dos nenos e nenas hospitalizados, as súas familias e os mesmos profesionais, e está xerando gran interese e sorpresa a nivel nacional, servindo de referencia para outras unidades de pediatría de España.

Toda a intervención realizada foi posible grazas ao patrocinio de diferentes entidades sensibles á mellora da calidade de vida do paciente pediátrico hospitalizado, como é a Fundación Philips. As empresas Mylan, Iberconsa, Hiperxel, Froiz, Hewlett Packard e CdeC sumáronse como patrocinadores do proxecto, que contou tamén coa colaboración de Prado Surf, Juguetrónica e Garabatos.

Contenido patrocinado

stats