Centos de alumnos participarán na gran festa da radio en galego

vigo

O colectivo Ponte ns ondas! celebra o seu 25 aniversario con programas en Galicia e Portugal

redacción. vigo
Publicado: 29 feb 2020 - 02:04
Santiago Veloso, Mónica Valderrama e Xerardo Feijoo, onte na presentación no campus vigués.
Santiago Veloso, Mónica Valderrama e Xerardo Feijoo, onte na presentación no campus vigués.

nnn L Hai un cuarto século botaba a andar a asociación Ponte…nas ondas! (PNO!) co obxectivo de difundir e poñer en valor entre o estudantado en particular , pero tamén entre a sociedade en xeral, o patrimonio cultural inmaterial galego-portugués. Valéndose dos medios de comunicación, en especial da radio, PNO! foi quen neste cuarto de século de construír unha rede de máis dun cento de persoas e institucións que abranguen de Santiago de Compostela a Monçao, pasando por Vigo, As Neves, Caminha ou Tomiño. Acreditada pola UNESCO no ano 2016 como única organización galega consultora para o patrimonio cultural inmaterial; impulsora da publicación de varios libros e premiada polo seu labor por organismos europeos, españois e portugueses, Ponte…nas ondas! celebrará o longo deste ano o seu 25 aniversario cunha serie de actos, que comezarán o 27 de marzo nunha xornada de radio e patrimonio, protagonizada por escolares de máis de medio cento de centros de Galicia e do norte de Portugal.

O presidente da asociación, Santiago Veloso, o secretario, Xerardo Feijoo, e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, Mónica Valderrama, presentaron os actos que se prolongarán ao longo de todo ano, comezando o 27 de marzo “cun gran maratón radiofónico cheo de sorpresas, conexións con diferentes puntos de Galicia e Portugal e con actuacións de artistas como Magín Blanco, Dulce Pontes, Susana Seivane, Uxía, ou Xurxo Souto”.

Oo campus de Vigo converterase o 27 de marzo no epicentro da xornada con unha programación radiofónica en directo protagonizada por estudantes de centros educativos de Vigo e comarca, que incluirá actuacións en directo, aos que se sumarán vintena de lugares de emisión repartidos por toda a eurorrexión, ademais dos programas nos centros educativos.

Ao longo dos 25 anos de existencia de Ponte…nas ondas!, destacan entre os seus logros o ser quen de poñer na axenda da sociedade e que todo o mundo saiba cal é o significado de patrimonio inmaterial. A extensión que nos últimos anos se está a facer nas escolas da utilización da radio escolar como ferramenta pedagóxica e didáctica e o traballo conxunto con Portugal.n

Contenido patrocinado

stats