Chega a obra póstuma da viguesa que máis sabía sobre Rosalía

Xesús Alonso Montero prologa a investigación que a súa muller, Victoria Álvarez Ruiz de Ojea (Vigo, 1961-2018) deixou feita dos escritos de Murguía sobre a poeta

A portada da publicación da investigación de Ruiz de Ojeda.
A portada da publicación da investigación de Ruiz de Ojeda.

Galaxia presenta “Rosalía de Castro vista por Manuel Murguía”, un novo título da súa colección Clásicos das Letras Galegas. É un traballo cun importante vencello coa cidade, xa que se trata dunha investigación, publicada a título póstumo pola viguesa que máis coñecía a vida e a obra de Rosalía de Castro. A profesora do IES de Mos, Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda (Vigo 1961-2018), adicou a súa vida a estudar á poeta e á súa contorna. Moitos destes traballos permanecen inéditos, custodiados pola Universidade de Santiago de Compostela por indicación da autora.

O seu home, o académico vigués Xesús Alonso Montero introduce esta obra da que asegura “deixouna Victoria Álvarez en condicións de ser levada ó prelo”. Mais apunta que falta o prólogo orixinal que aparece rexistrado no índice onomástico. “Nunca o atopei nas súas carpetas rosalianas. Sabido é que o limiar dun libro é o último que un autor escribe; neste caso, a enfermidade impediu que así fose”.

Este libro recolle unha escolma de escritos. Alonso Montero, quen foi presidente da Real Academia Galega de 2013 a 2017, di que “estes textos constitúen, sen dúbida, un material literario especialmente valioso para entendermos mellor non poucos aspectos da obra de Rosalía e algúns do carácter e das preocupacións do seu esposo”.

Á colectánea realizada por Ruiz de Ojeda súmanse dous traballos engadidos a modo de apéndice baixo a mesma sinatura de 2011 e 2014. “Conteñen observacións e datos valiosos sobre a visión que Murguía tivo de Rosalía, que enriquecen algunhas das páxinas. Baixo a miña responsabilidade reprodúcense estes dous traballos no presente volume. Non só son moi importantes, senón tamén pouco coñecidos”, indica o académico.

O legado da investigadora aumentará en breve coa publicación dun novo título, “Os nomes de Rosalía”, tamén inédito. Ruiz de Ojeda investigou á poeta dende 1986, data da memoria da súa licenciatura. A ela débeselle a proba documental de que a nena Rosalía residira en Padrón na compaña da súa proxenitora, demostrando así a presenza materna da súa nenez.

Contenido patrocinado

stats