“Co ‘Larpeiro social club’ montaremos case un furancho, con música e café de pota”

JAVIER COLLAZO Productor executivo de Productora Faro, que hoxe presenta no Eligio “Larpeiros Social Club”

ANA BAENA. VIGO
Publicado: 02 oct 2019 - 01:47
Javier Collazo presenta “Larpeiros Social Club” en Vigo.
Javier Collazo presenta “Larpeiros Social Club” en Vigo.

A productora Faro escolleu Vigo, concretamente a taberna do Eligio para presentar a súa nova proposta, “Larpeiros Social Club”, que comezará a emitir a TVG o vindeiro martes, 8 de outubro. Javier Collazo, productor executivo da productora Faro, creadora do proxecto, e un dos responsables do programa, explica as peculiaridades do acto que terá lugar hoxe ás 19:30 horas e que retransmitirá en directo por “Fun polo aire” na canle autonómica.

É unha presentación dun programa de televisión curiosa, sen proxección e con polbo á feira.

Quixemos organizar unha estrea orixinal e que mellor cunha “pulpada” para os larpeiros, os coñecidos e os invitados dun programa que vai a inaugurar formato. Será unha renovación que busca manter a esencia. O programa medrou e xa forma unha sociedade gastronómica, onde ten cabida tanto cociñeiros amateur como famosos da talla Pepe Solla ou Carlos Parra, e música, coa presenza de cantantes e grupos. Pero tamén estarán presentes outros personaxes como blogueros gastronómicos.

Seguirá estando Benigno Campos ao frente dos fogóns?

Benigno Campos continuará, pero como un máis, ao igual que o resto dos larpeiros de sempre e tamén os diplomados. O protagonismo recaerá agora nos invitados de cada xornada, cunha Lola Sestido como mestra de ceremonias.

A casa dos larpeiros convertíuse un pouco na casa de todos. Manterase a rodaxe no pazo?

A casa xa quedou pequena, o programa medrou e tamén o decorado. Agora hai espazo para todo, sen paredes, acolle a cociña, a despensa, a mesa. Abórdase como se fora unha sociedade gastronómica. Sempre acabará nunha mesa grande, alongando as sobremesas con charlas, con música e café de pota. Co ‘Larpeiro Social Club’ montamos case un furancho.

Que é máis importante a comida ou a sobremesa?

A sobremesa é fundamental. Neste novo formato afóndase nese concepto e no da premesa. Ten máis relevancia que nunca. Toma o carácter dunha festa gastronómica ou dunha comida de domingo. Queremos que o espectador comparta ese ambiente, integrándose na festa como si fora un teleclube.

O éxito de “Larpeiros” foi saber chegar aos espectadores polo estómago?

O éxito de “Larpeiros” é a comida doada, accesible, recetas que os espectadores podían repetir. A fórmula foi encaixar coa cultura, non só coa comida. Propón divertirse na cociña, tamén falando de gastronomía e buscando o producto.

Contenido patrocinado

stats