Compañía Migallas: "Dende o teatro e con humor convidamos a falar galego"

A compañía Migallas leva 32 anos percorrendo Galicia con espectáculos onde fomentar a cultura e a lingua é básico

María Campos e Carlos Yus, de Migallas Teatro, actuaron este fin de semana no auditorio municipal.
María Campos e Carlos Yus, de Migallas Teatro, actuaron este fin de semana no auditorio municipal.

O público vigués desfrutou e interactou en galego con Migallas Teatro, unha compañía pontevedresa que ten como obxectivo fomentar o uso da lingua e o fomento da cultura. “Dende o teatro e con humor convidamos a falar en galego, pode que non cheguemos a concienciar, pero a lo menos promovemos a reflexión”. Carlos Yus e María Campos subiron ao escenario do auditorio municipal coa obra “Falamos como galegas”, onde se parodian situacións cotiás. “Amosamos que aínda que nos pareza que falamos en castelán, o normal é que metamos moitos castrapos. Entón por que non falar en galego”.

A situación que observan na súa contorna levounos a se converter en abandeirados do idioma. “Somos dun barrio de Pontevedra con 8.000 veciños e alí é raro escoitar galego, pero é que vai a peor. Visitamos sitios como Lugo cidade, onde antes había rapaces galegofalantes onde agora xa non os hai”.

Na súa peza tamén abordan os que falando galego, non se preocupan de coñecer un rexistro máis coidado e culto. “Unha das escusas é que se sempre están a cambiar o normativo, pero non é certo”.

Pese a coincidir con Chévere en Ártika, encheron o aforo. “Se aos espectadores se lles ofrece obras atractivas e amenas, a resposta é sempre positiva. Vigo é unha cidade con moita vida”, afirmou Yus, que suxire retomar iniciativas como a de levar o teatro afeccionado aos barrios, “favorece á cultura de base e nesta cidade, cun movemento veciñal tan dinámico, sería sinxelo e económico”.

Contenido patrocinado

stats