Domingo Villar e Leo Caldas nun “lugar singular”
vigo
O escritor presentou “O último barco” na escola de Artes e Oficio, lugar onde transcorre parte da trama da novela
nnn As instalacións de Artes e Oficio foi a localización elixida para presentar “O último barco”, a novela máis agardada de Domingo Villar, onde recupera un novo caso do inspector Leo Caldas. Publicada en galego por Galaxia e de xeito simultáneo en castelán por Siruela, incorpora á escola municipal ao universo literario de Villar. “Esta é unha homenaxe ás cousas que van despacio e os que teñen interese por vivir amodo nun mundo no que nos movemos a toda velocidade, á xente que fai e ensina como desenvolver unha tarefa nun lugar singular, dos que non hai moitos en España, onde coinciden ceramistas, artesáns do coiro ou especialistas en luthería antiga”.
Villar non foi alumno de Artes e Oficios, pero si a súa nai, que cursou debuxo. O escritor coñece ben a escola, a que visitou regularmente durante dous anos: “Pasei moitas horas falando cos mestres, coñecendo o seu oficio, impregnándome desa atmósfera tan especial”.
A homenaxe á Artes e Oficios é tamén un recoñecemento a súa xente. Así, entre os personaxes de “O último barco” aparecen persoas reais que integran o claustro como Miguel Vázquez, mestre ceramista, que na ficción pasa a ser o xefe de departamento da víctima, María Andrade. Tamén aparecen Ramón Casado, o responsable de luthería antiga, xa xubilado, xunto á ordenanza María Vázquez: “Gústame mesturar a literatura coa realidade, sen concretar onde acaba unha e empeza outra”, puntualiza Villar.
As páxinas do seu libro recollen espazos dotados dun encanto especial como o taller de cerámica ou o obradoiro de instrumentos galegos tradicionais, onde o autor destaca os reforzos no teito ao xeito dun costelaxe de barco. O ollar do novelista tamén se para la aula de luthería antiga, onde penduran das paredes laudes, arpas celtas e ata o clavecín deseñado por Ramón Casal. Entusiasmado, Domingo Villar califícao de “universo distinto co cheiro a madeira e música barroca sonando en todo momento”.
O camelio do patio interior faille lembrar a Caldas a finca do seu pai. Onde esta árbore sempre cheira a humidade e dúas columna ornamentais lucen sen nengunha función estructural, e así o traslada ao papel. Pero sen dúbida é a gran bola de billar, a amarela número 5, do despacho de Miguel Vázquez a que impactará ao lector: “É unha peza sobredimensionada para unha exposición que saíu defectuosa e permanece alí exposta, xunto aos tornos e os pigmentos”, sinala o escritor.
Domingo Villar expresou o que denominou “carraxe”, porque “artistas que abandoan o seu ego ás portas da escola para ensinar o que saben non teñan o apoio que merecen, mentres outros que non o valen si o reciban”.n
Contenido patrocinado
También te puede interesar