“Estou orgullosa de vivir nunha cidade que sae á rúa a se manifestar de xeito masivo pola sanidade”

ALEXANDRA FERNÁNDEZ Número tres por Pontevedra nas listas do BNG

Alexandra Fernández (Vigo, 1988), arquitecta de formación e vencellada a movementos culturais como Bou Eva. Foi militante de Anova. Entrou na política representativa da man de En Marea como deputada no Congreso de 2016-2019.

Alexandra Fernández é a primeira viguesa nas listas do BNG.
Alexandra Fernández é a primeira viguesa nas listas do BNG.

Rachou coa disciplina de partido en defensa do que pensou eran os intereses de Galicia e ao rematar a lexislatura despedíuse da política activa. Voltou da man de Ana Pontón co BNG desta vez nas listas de Pontevedra á Xunta.

Cre que o eleitorado entendeu as razóns da súa mudanza?

Creo que é evidente que o BNG está sendo un referente na esquerda soberanista e que aglutina ese espazo que antes estaba máis limitado. É evidente que moita xente ve no BNG a forza para liderar un cambio político, vémolo nas enquisas sobre a intención de voto directo. Moitos compartimos esa visión.

E os seus antigos compañeiros de partido, comprendérono?

Non me corresponde a min ver para os outros partidos. Nestas eleccións hai diferentes proxectos e considero que a do BNG é o máis sólido para Galicia.

Cales son as cuestións máis urxentes relacionadas con Vigo no ámbito autonómico?

Esta cidade está perdendo posicionamentos como referente económico, ten que se recuperar como motor industrial e tecnolóxico de Galicia. Dende a Xunta hai que sumar esforzos para reconstruir Vigo con plantexamentos de I+D+I, fundamentalmente no ámbito do naval. Hai que mellorar as condicións para favorecer a actividade económica. Outro pilar fundamental na cidade é o funcionamento dos servizos públicos. Temos que recuperar a calidade en sanidade, a educación e asistencia social.

En que campos pensa que a Xunta debera incrementar a súa presenza en Vigo?

Agora hai en marcha unha dinámica de confrontación que só vai en beneficio dos partidos políticos. A Xunta ten que plantexar políticas de colaboración coa administración local e ten que ter un plan destinado a fomentar o liderado de Vigo tanto na Área Metropolitana como no Eixo Atlántico. Dede a Xunta teñen que axudar a que Vigo xogue o rol que lle corresponde no marco atlántico.

De que se gaba como viguesa?

Estou moi orgullosa de vivir nunha cidade que sae á rúa a se manifestar de xeito masivo pola sanidade pública. Vigo é un referente en movilización e loita social. Ten que atopar na Xunta un espello desa realidade.

Que sería o primeiro no que actuaría nesta cidade?

Vigo ten un grande reto na actualización do urbanismo para o poñer á altura dos servizos que se precisan no século XXI, en temas como a mobilidade e accesibilidade, e que favoreza o encontro da xente, sen ser unha aposta do cemento polo cemento.n

Contenido patrocinado

stats