Igualdade no campus
vigo
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, fixo entrega na Casa da Cultura Galega de Vigo dos dous premios de 1.000 € e un accésit de 600 € nas categorías de traballos de fin de grao e de máster
A presidenta da Deputación, a viguesa Carmela Silva, acompañada do alcalde Abel Caballero, e da deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, fixo entrega dos primeiros premios “Sofía Novoa Ortiz” convocados pola institución provincial para galardoar a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e de máster e impulsar o estudo e a investigación en materia de igualdade. Neste contexto, Carmela Silva manifestou que “a igualdade repercute en beneficio do progreso e do benestar do conxunto da sociedade polo que é fundamental promover que dende o coñecemento, a investigación e a análise universitaria se incorporen os seus principios”.
Silva agradeceu a elevada participación nos Premios Sofía Novoa Ortiz, “cun total de 22 traballos presentados, once para cada unha das dúas categorías: fin de grao e máster” e aproveitou a ocasión para recordar os principais fitos da vida de Sofía Novoa Ortiz e o que supuxo esta muller pioneira para o acceso ó sistema universitario das mulleres, “chegando ata dirixir un centro con capacidade para albergar ata 71 mulleres para que puidesen estudar e converterse en mulleres vangardistas, profesionais e independentes”.
Na modalidade de traballo de fin de grao, outorgáronse dous premios de 1.000 euros aos traballos de Laura Serén García (Pontevedra) e Cristina Gandón Villar (Cangas), “A asemblea como recurso educativo para fomentar a igualdade entre os sexos na educación primaria” e “El lenguaje icónico en los libros de texto desde una perspectiva de género y su evolución desde EGB hasta Primaria” ademais dun accésit de 600 euros para “Impacto psicosocial en la mujer mastectomizada: rol de enfermaría”, de Carla Novo (de Vigo).
Pola outra banda, os traballos de Lucía Pereyra (Pontevedra) e Isabela Andrés (Ourense), isto é, “Evolución da linguaxe non sexista e papel da muller en dous libros de texto de historia (1989 e 2015)” e “There are no ugly women, only lazy ones”, levaron os dous premios de 1.000 euros na modalidade de traballo fin de máster e, xunto a eles, o accésit de 600 euros foi a “Igualdad de género: un análisis longitudinal de las imágenes en los libros de enseñanza secundaria obligatoria y el bachillerato unificado”, de Andrea Álvarez (Vigo).
Unha muller pioneira e esquecida pola historia
n n n A entrega dos Premios Sofía Novoa Ortiz serviu tamén para renderlle unha homenaxe a esta muller pioneira pero esquecida pola historia e cuxa memoria comezou a ser recuperada recentemente grazas aos estudos elaborados por Carmen Losada –quen tamén interveu na entrega de premios- Leticia Sánchez, Ricardo Gurriarán, Elvira Melián… Nesta homenaxe recordouse o ingreso de Sofía Novoa Ortiz, aos 17 anos, na “Residencia de Señoritas” de Madrid, dependente dunha institución que se encargaba de fomentar a renovación pedagóxica e científica en España no primeiro terzo do século XX (a “Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas”), na que Novoa impulsou un ambicioso e pioneiro programa educativo a través do cal posibilitou o acceso á educación superior a moitas mulleres. Tamén se repasou o seu exilio en Estados Unidos dende que estalou a Guerra Civil ata o ano 1967, período no que tan so regresou a España en 1949 para defender a súa tese en Madrid.
Pola súa banda, Isaura Abelairas asegurou que todos os traballos foron premiados por unanimidade, con diferenzas mínimas de un ou dous puntos nas puntuacións.
Contenido patrocinado
También te puede interesar