Mos reforma o seu goberno municipal
CONDADO / LOURIÑA
Baldomero Lorenzo asume concellerías de Deportes e Alumeado
nnnA semana pasada levouse a cabo durante o Pleno do Concello, na sesión ordinaria deste que tivo lugar o mércores día 6 de setembro ás 19 horas, a toma de posesión do novo concelleiro do Partido Popular de Mos, Baldomero Lorenzo García.
Tras a devandita toma de posesión de Lorenzo, veciño da parroquia de Louredo, as diferentes áreas do goberno mosense redistribuíronse pasando este a dirixir as concellerías de Deportes, Alumeado e Eficiencia Enerxética.
O ata o de agora edil de Alumeado, Luis Alonso Seijo, mantén a área de Vías e Obras. Pola súa banda Sara Cebreiro continúa a dirixir os mesmos departamentos que anteriormente e que son os de Política Social, Cultura, Turismo e Réxime Interno. E tamén continúa coas mesmas concellerías que ata o de agora o edil Óscar Soto, responsable de Promoción Económica, Emprego e Novas Tecnoloxías.
Tras facerlle traspaso da carteira de Deportes ao novo edil Baldomero Lorenzo, o primeiro tenente alcalde, Alberto Méndez, continúa dirixindo as concellerías de Facenda, Contratación e Transparencia.
Por outra parte a concelleira de Urbanismo, Julia Loureiro, asume as áreas de Participación Cidadá e Mobilidade (que xa levara en lexislaturas anteriores) e traspásalle as de Medio Ambiente e Emerxencias a Cándido Pérez Rodríguez, quen leva tamén Limpeza e Parques e Xardíns. E por último Camilo Augusto Martínez incorpora ás súas delegacións a concellería de Educación, que se suma ás áreas que xa xestionaba ata o de agora e que son Coordinación de Asociacións Veciñais, Patrimonio, e Saneamento.
Todos eles, xunto coa alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, constitúen o equipo de goberno do Concello de Mos. n
Contenido patrocinado
También te puede interesar