O Museo Liste exhibe os mil entroidos de Galicia
Uns mil escolares pasarán estes días polo centro etnográfico cunha programación, onde destaca o Vergalleiro de Sarreaus
O Entroido en Galicia pode ter máscara ou cara descuberta, pode ser festivo ou sarcástico. Da súa grande variedade dá mostra a exposición de “Máscaras Rituais” que acolle o Museo Liste e que engloba da programación adicada a estas festas.
Dende que comezaron hai unha semana e ata o sábado 17, xa superaron os mil rapaces apuntados ás actividades, nas que este ano dáselle especial importancia ao Vergalleiro de Sarreaus. “É unha figura da Limia de recente recuperación. Volveu saír ás rúas nos anos 90, como a maioría das figuras do Entroido ourensán, crese que representa aos antigos cobradores de impostos do Castelo de Monterrei”. Así, a técnico do museo, Sonia Rodríguez, presenta aos rapaces este personaxe, onde o máis significativo é a súa máscara, un préstamo do Museo Galego do Entroido de Xinzo, da que colgan catro campaíñas. O traxe é sinxelo, componse de camisa e pantalón branco, chaleque negro e banda vermella. “Para anunciar a súa presenza leva un corno, que é unha incorporación moderna”. O rexurdir do Vergalleiro baseouse nuns escritos atopados dun crego da parroquia de Escornabois.
Un percorrido pola sala de exposicións temporais do Liste descobre unha seleccións dos protagonistas de distintos entroidos galegos. Comezando pola Ría, co Merdeiro (a parodia dos mariñeiros vigueses dos escabicheiros), tamén as Damas e Galáns do Morrazo cos seus sombreiros ornamentados (os de Vilaboa poden chegar a pesar cinco quilos).
Da mesma provincia, atópase o pucho e a chaqueta dos xenerais do Ulla, unha parodia, con posible orixe na guerra napoleónica.
Ourense ten a maior presenza cos protagonistas do triángulo de ouro: os cigarróns de Verín e os peliqueiros de Laza, unha figura semellante que parte dunha máscara de madeira e unha mitra de aceiro que alude aos recadadores de impostos. Só se diferencia polo xeito de moverse, dando máis chimpos os segundos. “Antes diferenciábanse pola pelica (un rabicho feito con pel de animal) que deu nome ao personaxe, pero agora tamén o levan os cigarróns”, sinala Rodríguez. A pantalla de Xinzo completa o trío. “É unha máscara completa de demos con cornos e coa representación de debuxos astrais”.
Unha das máis vistosas é a máscara do boteiro, feita en cartón endurecido, decorada con papeis de cores representa as festas de Vilariño de Conso, con orixe no século XIX.
Na peaña final amósanse caretos rituais doutras cultural non exclusivas do carnaval: a carouta de Varge, un demo que sae no Nadal e no Entroido de Bragança; a máscara sandinista, recollida do pobo Nonimbó, e utilizada para gardar o anonimato dos guerrilleiros; a careta festiva da tribo Huixtán de Chiapas, usada para mocear e o Irrio, de Castro Caldelas, un cobrador de impostos que aínda que comezou ver no Entroido, agora limítase ás festas locais da Virxe dos Remedios.
Contenido patrocinado
También te puede interesar