“Nación”, un filme feito de ‘pés a cabeza’ coa perspectiva de xénero

vigo

a. baena. vigo
Publicado: 12 nov 2020 - 23:51
As traballadoras da Pontesa contaron a súa historia á cámara.
As traballadoras da Pontesa contaron a súa historia á cámara.

“Toda esta película está feita de pés a cabeza dende a perspectiva de xénero, a partir da súa concepción e mesmo foise desenvolvendo durante a rodaxe”. Así, Margarita Ledo presenta “Nación”, o último filme que dirixíu e que se estreou hai uns días no festival de Sevilla. O 18 estará en Santiago e o 19 deste mes en Pontevedra, pero non chegará ás salas comerciais ata marzo.

“Nación” fala de mulleres traballadoras, concretamente das operarias de A Pontesa, a nave que a viguesa Álvarez tiña en Pontesampaio. Unha frase dunha das protagonistas, ‘non traballedes nunca gratis foi o detonante que espertou o interese da académica Ledo na historia: “Soa moi independente, unha declaración de que dela non ían abusar, son o que en cine chamamos personaxes desafectos, que están de volta”.

Así, a directora comezou a procura destas mulleres que primeiro foron traballar fóra da casa e logo loitaron por manter o seu posto. “Tiven a sorte de dar con Nieves Pérez e fun buscala sen moita esperanza de que quixera participar, somos da mesma xeración, eu lembro o peche da fábrica e o que me interesaba era ese proceso ata chegar a ter sentido de clase sindical”.

Ledo recupera unha historia de loita na rúa nos 80, nos 90 ata o 2001 en que foi o xuizo. “Está chea de forza, dinamismo, imaxes e movemento”.

Complétao coa visita a outras fábricas de cerámicas, textil e conserva, “as principais ocupacións da muller en función ao que se lle atríbue ao noso xénero”, apunta. Suma testemuños directos con recreacións teatrais, amais de dotar a paisaxe dunha forza como os lugares dos feitos. A música de Mercedes Peón “pegada á película” completan o proxecto. “É un pequeno milagre onde tódalas pezas encaixan, síntome moi orgullosa deste traballo”, asegura Ledo.

Contenido patrocinado

stats