Nigrán bonifica o 95% do IBI a cinco entidades

val miñor

As asociacións serán consideradas de utilidade municipal

REDACCIÓN. nigrán
Publicado: 21 dic 2018 - 01:16
O acordo foi tomado na sesión plenaria do Concello de Nigrán.
O acordo foi tomado na sesión plenaria do Concello de Nigrán.

O Concello de Nigrán bonificará nun 95% o IBI de cinco entidades socio-culturais do municipio ao aprobarse no pleno ordinario dunha moción do goberno para consideralas de interese ou utilidade municipal (tódolos grupos votaron a favor, agás PP e BNG, que se abstiveron). Esta declaración, que deben solicitar anualmente as propias entidades e que debe someterse á votación do Pleno, permite que o imposto sexa rebaixado no vindeiro exercicio un 95% (máximo permitido por lei).

A declaración beneficiará ao “CRC O Torreiro de Priegue”, a “Asociación Cultural As Angustias”, o “Centro Cultural y Deportivo Bolos da Carrasca”, a “A.V.A.C A Unión de San Pedro da Ramallosa”, “Asociación de Veciños A Camoesa” e "AVCD O Castro" de Chandebrito, todos eles colectivos que, doutro xeito, pagarían o 100 por cento. “Supón un aforro para eles de preto de 1.300 euros ao ano, unha cantidade moi cuantiosa se temos en conta que levan adiante un traballo fundamental de promoción da cultura e das relacións veciñais”, suliña o alcalde, Juan González, quen recalca que a contribución pública destas entidades á cultura ten sempre unha inequívoca función social, "polo que é de xustiza eximilas do 95% do IBI, máximo que nos permite a lei”.

Tanto a lei de Mecenado coma o Texto Refundido da Lei de Facendas Locais 2/2004 catalogan como exentos de IBI a aqueles inmobles que teñen como uso principal actividades de carácter público. Por elo, o goberno de Nigrán acordou no 2016 a modificación da ordenanza “para favorecer así a todas aquelas asociacións que perseguen o ben común e que axudan a complementar e dinamizar sempre a programación cultural feita dende o consistorio”. Estas circunstancias culturais danse nestes seis colectivos porque o suxeito pasivo está inscrito no rexistro de asociacións do municipio e o inmoble está a disposición do Concello.

Contenido patrocinado

stats