Os novos Mella, de artistas a revolucionarios

Iria SorPresa inaugurou onte o Recuncho da familia en Artes e Oficios e recuperou o facsímile “Plumazos”

Artes e Oficios xa ten un recuncho adicado aos Mella.
Artes e Oficios xa ten un recuncho adicado aos Mella.

A investigadora viguesa Iria SorPresa abraiou ata a mesma familia de Ricardo Mella cos achádegos relativos ao clan vigués. Tal e como avanzou Atlántico, acadou localizar aos descendentes do anarquista a outro lado do charco, concretamente en México, e descubriu a vea artística en Beto Mella Canizales, quen tallou a porta do cantante Armando Manzanero e no seu fillo, Jorge Mella, debuxante, autor de “Estudio de la perspectiva ampliada”, onde fai unha análise da sociedade cunha importante presenza de Beethoven.

Ambas pezas comparten dende onte o espazo en Artes e Oficios co piano de Urania Mella, recuperado tamén por SorPresa dun faiado da familia. Creouse así o recuncho Mella nunha institución moi ligada a eles. “Interésame deixar constancia de esa unión dos propios Mella coa música”, sinala a promotora da idea. No acto de homenaxe estivo presente un dos tataranetos de Ricardo Mella, Gabriel Reigosa, líder de Dakidarría, que interpretou un tema moi especial dos primeiros tempos da banda, “De Mella a Mella”, baseada nunha carta ficticia dende a cadea que a súa bisavoa, Urania, tería escrito a súa avoa, Conchita. “Para unha foi unha pena moi grande non poder despedirse das fillas e para a outra supuxo un enorme trauma non ter querido bicar á nai cando foi buscalas; a miña avoa tiña 2 anos cando as separaron e foi criada por familiares do bando franquista que demonizaron a Urania; foi moi duro; non contou esta historia ata primeira homenaxe que se lle fixo á nai en Vigo, daquela tiña 80 anos e chorou moito; ese acto serviu para que se soltase”.

Con SorPresa interviron Daniel Palleiro, José Luis Mateo e Gonzalo Navaza.
Con SorPresa interviron Daniel Palleiro, José Luis Mateo e Gonzalo Navaza.

Reigosa leva con orgullo a estirpe familiar, pero apunta que “non son culpable do que fixeran os meus antergos, neste caso o meu traballo está relacionado coa procura da liberdade e outro tipo de vida, semellante a que eles defendían; é reconfortante que na miña familia se esforzaran tanto por querer mellorar as cousas”.

Considera extraordinario o traballo de SorPresa na reconstrución da súa árbore xenealóxica con datos que descoñecía e agradécelle “ter entre cella e cella” o recoñecemento na súa cidade dos seus antergos. “Se se pregunta en Vigo quen foi Ricardo Mella a maioría dirá que unha rúa moi longa, algúns pode que o relacionen cos tranvías e só uns poucos saberán que é un dos principais autores libertarios da teoría anarquista”.

SorPresa presentou o facsímile “Plumazos”, escrito por Ricardo Mella en 1911 para abrir a colección “La internacional”, dun grupo libertario ferrolán. “Amosa ao Mella máis reivindicativo, man a man co movemento obreiro. Resulta curioso que o terceiro número tamén foi escrito por el e que fora utilizado na causa militar contra Urania ao ser atopado na súa casa”. No acto contou tamén coa intervención de Daniel Palleiro, José Luis Mateo e Gonzalo Navaza.

Contenido patrocinado

stats