Once mulleres que abriron camiño

vigo

Anaír Rodríguez, cos textos, e Abi Castillo, coas ilustracións, asinan o segundo volumen de “Pioneiras” de Xerais que chega mañá ás librerías e que recupera do esquecemento os nomes femininos que racharon barreiras

a.baena. ViGO
Publicado: 13 feb 2019 - 01:13
Abi Castillo puxo rostros a once mulleres que desenvolveron a súa función entre o XIX e o XX. Arriba, Antonia Ferrín, Elisa Patiño, Ángela Ruiz Robles, Rita Queimadelos e Antonina Sanjurjo
Abi Castillo puxo rostros a once mulleres que desenvolveron a súa función entre o XIX e o XX. Arriba, Antonia Ferrín, Elisa Patiño, Ángela Ruiz Robles, Rita Queimadelos e Antonina Sanjurjo

nnn A astronoma Antonia Ferrín (Ourense, 1914); a arquitecta Rita F. Queimadelos (A Cañiza, 1911); a xogadora de hóckey sobre herba Antonina Sanjurjo (Santiago, 1910); a actriz galega que triunfou en Nova York, Mercedes Mariño (Monforte de Lemos, 1909); a inventora do libro electrónico, a ferrolá Ángela Ruiz Robles (Villamanín, 1895); a aeronauta Elisa Patiño (Pontevedra, 1890); a alcaldesa Concepción Pérez Iglesias (Santiago, 1881); a mestra en igualdade, María Barbeito (Coruña, 1880); a inventora dos traxes de auga, Joaquina García (Porto do Son, 1879); a farmacéutica Manuela Barreiro (Viveiro, 1877) e a fotógrafa santiaguesa María Cardarelly (Zaragoza, 1845) son as once mulleres que protagonizan o segundo volumen de “Pioneiras” que sae mañá do prelo de Xerais. Foron as primeiras galegas nos seus eidos, tirando o muro que limitaba o acceso das mulleres a eses campos laborais.

“A selección foi a mesma que no primeiro volumen, representantes de distintos ámbitos profesionais, pero tamén sociais”, indica Anaír Rodríguez, autora dos textos e máis editora, quen recoñece que esa variedad non foi posible en canto a cronoloxía. Todas están entre a segunda metade do XIX e comezos do XX, onde comezou a loita da muller. “Con esta obra preténdese dar a coñecer a cada unha delas, non quere ser unha biografía exhaustiva, senon poñer o foco nelas, reivindicalas e espertar a curiosidade nos lectores”.

A laboura de documentación foi complicada, xa que tal e como Rodríguez asegura, “hai pouca información accesible; o diccionario da muller de Aurora Marco, un libro básico neste campo, está descatalogado; sempre foi necesaria máis investigación do labor das mulleres e agora hai demanda”.

Outra muller, a viguesa Abi Castillo, foi a encargada de poñer faciana a estas once protagonistas, moitas sen rexistro documental gráfico: “Queríamos visualizalas no seu lugar de traballo e mantendo o meu estilo, procurei reproducir os rasgos físicos das que tíñamos imaxes”.

Para Castillo esta encarga adáptase a liña predominante da súa obra, enfocada na muller: “Resultou moi interesante porque moitas de elas non son coñecidas”.n

Contenido patrocinado

stats