“Onde o público ve o inicio dunha etapa, o concerto, para o músico é o final, o comezo doutro camiño”

RODRIGO ROMANÍ Arpista, director da E-Trad, presenta “Fíos de ouro no ar”

nnn Para a música celta feita dende Galicia, Rodrigo Romaní é lenda viva, un referente incuestionable que acaba de sacar novo disco “Fíos do ouro no ar”, tocando o seu instrumento, a arpa.

ANA BAENA. VIGO abaena@atlantico.net
Publicado: 02 may 2018 - 02:00
Rodrigo Romaní, na promoción do seu último disco.
Rodrigo Romaní, na promoción do seu último disco.

Apenas pasaron cinco anos da perda do seu dedo anular nun accidente doméstico, o que lle obrigou a adaptar a súa técnica para tocar co maimiño. Con este disco, que presentou en directo o venres en Coruña, non da lugar a dúbidas de que o músico prevalece. Romaní (Noia, 1957), formou parte de Milladoiro, fundou a orquestra folk Sondeseu e dirixe a Escola de Música Tradicional de Vigo (E-Trad), aínda que xa non imparte clases de arpa na mesma: “Tiven que deixalo porque non podo ensinar do xeito normal, tiven que modificar a miña forma de tocar, ate me deixei as unllas, só podería ensinar a quen lle faltase o mesmo dedo que a min”, afirma.

Hai uns días, na Coruña, tocou en directo por primeira vez os temas do seu novo disco. Como resultou?

Foi moi cálido. Estiven entre amigos tanto no escenario como no patio de butacas. Coidamos con moito esmero a montaxe con proxección audiovisuais e poder contar con Nani García e Guillerme Ignacio foi unha aventura sonora. Ata dúas horas antes do concerto non sabiamos como ía soar con Nani. Resultou moi positivo, unha descuberta de novas propostas de colaboración e das súas posibilidades.

Supoño que a presentación dun disco entraña unha emoción especial.

Había unha ilusión un pouco máis forte do habitual. Pero onde o público ve o inicio dunha etapa, o concerto, para o músico é o final da mesma e o comezo nun novo camiño. O gratificante é traxecto, non chegar á meta. Disfrutamos máis coa creación e cos ensaios, que coa posta en escena, que só é a meta. Esto xenera certa contradicción, alegría e nostalxia ao tempo.

A expectación que esperta sempre no público un novo disco xúntase o plus engadido de superación persoal ao ser o primeiro traballo tralo accidente. Constanta ese sentimento?

O que me atopei foi con algo parecido o que lle pasaría a un pianista. Tiven que comezar dende cero. O cerebro é o que mandas as ordes e supuso desaprender todo e volver a adquirir unha técnica. Foi un pouco duro, pero non é nengunha proeza. Tódolos días hai músicos que o fan. É certo que saín reforzado do proceso, porque a vida non é so esto.

Para un disco tan especial volveu a homenaxear a Avilés de Taramancos coa escolla do título do seu disco.

En 2003 adiqueille un traballo ao ser o escollido no Día das Letras Galegas. Foi cando o descubrín. Ata entón tratábao como un coñecido máis, un paisano de Noia, pero con motivo deste traballo achegueime a súa literartura e apaixoume. Atopei un universo marabilloso. Os seus versos son unha fonte inigualable de recursos. “Fíos de ouro no ar” pareceume un título axeitado xa que se corresponde coa imaxe do vibrar da arpa.

Afronta este traballo con dous compañeiras de proxecto, Bea Martínez e Xulia Feixoo. Que aportan unha segunda arpa e a percusión á sonoridade final?

Bea estudou comigo. Ten unha sensibilidade moi especial. Fai a outra parte da proposta da arpa, entablando un diálogo coa miña. Cando hai dúas arpas, multiplícanse, xerando multitude de recursos e efectos, nun universo sonoro, que tende a ser un pouco etéreo. Para volver a colocalo na terra, temos a percusión de Xulia Feixoo, co apoio imprescindible da música galega de tradición oral.

O resultado manten el sabor popular da música celta. Esa era a intención final?

A nosa intención era que non se escapase o acento galego. Queríamos crear un efecto sonoro diferente do da tradición oral, pero que ao escoitalo se recoñecese a galeguidade, non algo so celta, nen new age, nen popular. O único xeito de logralo era coa tradición oral, nas cancións conservadas polas mulleres. Ademais abrimos outro xogo coa colaboración de catro cordas clásicas.

Para cando tocará este concerto en Vigo?

Aínda non está programado, pero espero que si se faga. Non son un músico centrado en facer actuacións e realizar unha xira ambiciosa. Xa teño unha traxectoria longa e 61 anos cumpridos, non estou para grandes cousas. Lévoo con máis calma. Están pechadas as datas en Moaña, Cambados e algún máis.

Contenido patrocinado

stats