“Resulta anómalo o pouco que ata agora se ten escrito do narcotráfico galego”

MANUEL RIVAS Escritor, presentou onte en Vigo “Vivir sen permiso”

Manuel Rivas visitou onte Vigo para presentar en Librouro a súa última obra “Vivir sen permiso e outras historias do Oeste”. Antes do acto, no que estivo acompañado polo seu editor, Fran Alonso, falou para os lectores de Atlántico sobre os tres relatos que compoñen o libro.

ANA BAENA. VIGO
Publicado: 05 dic 2018 - 00:55
Manuel Rivas, onte na presentación en Vigo na súa última publicación.
Manuel Rivas, onte na presentación en Vigo na súa última publicación.

Chega cun relato que xa tiña sona antes de saír do prelo, “Vivir sen permiso”. Como leva esa dualidade entre a literatura e a serie de televisión?

Interésame a serie, por suposto. Estou moi satisfeito de ter aportado a idea orixinal. O que máis me interesaba era o tratamento do personaxe central, Nemo Bandeira, é quedou ben reflectido. Non quixen participar na elaboración dos guións. Gústame este contacto e interacción, porque o audiovisual invita a ir máis aló á literatura, facerse máis extrema.

Partindo desa idea orixinal, que foi primeiro: o relato ou a serie?

Esa idea orixinal é prácticamente o relato que publiquei despois. Eu xa lles dixen que non sabía facer formalmente unha idea para un guión, avisei que lles entregaría un relato, non é un apuntamento, son de 50 a 60 folios. Así no libro mantiven o tempo presente da narración, como se fora o ollo dunha cámara que percorre as esceas.

Foi entón unha encarga, imaxinaba que ía ter este éxito?

O certo é que o encargo era sobre outro libro, pero eu suxerín outra cousa. Non me gusta repetirme, fixen o que me petou. Non imaxinei que ía ter tanta repercursión, si sabía que é unha boa historia e que os personaxes teñen moita forza.

“Vivir sen permiso” ven flaqueada por “O medo dos ourizos” e “Sagrado mar”, semellan máis pequenas novelas que relatos.

Si. O certo é que se fala pouco deste xénero, que en francés conta cunha denominación propia, “nouvelle”. Son pequenas novelas xa non so por tamaño, senon a extructura é máis complexa, hai varios polos nunha mesma trama, varios desvíos e tamén se aborda a psicoloxía dos personaxes.

As tres tramas teñen como telón de fondo o narcotráfico. Por que agora se empeza a escribir tanto do tema?

O narcotráfico en Galicia é o tempo histórico que comparten as tres historias. Por unha serie de coincidencias semella que é o tema de moda, resulta anómalo o pouco que ata agora se ten escrito de narcotráfico galego. En Dinamarca, Suecia ou Noruega teñen uns índices de delincuencia moi baixos, pero son uns grandes productores de cadáveres literarios. En traballos anteriores como “Comedores de patatas” tiña tratado o tema de fondo, pero naquela o asunto estaba máis tapado. Chegou o momento en que se lle atopou interese.

Aínda vencellados ao narcotráfico, os personaxes de cada historia amosan distintas situacións.

Aínda que o lenzo sexa o narcotráfico é un erro pensar que o protagonista é a cocaína. Non debemos confundir a historia coa mercadoría. O importante é que ésta nos permite falar da condición humana con tódolos seus matices; o ben e o mal está en nós, do que se trata é de atopar os matices de cada un.

E eses matices se reflicten nos temas que aborda?

En “O medo dos ourizos” a cuestión central é a liberdade. Dous mozos mariñeiros que viven en precario, loitando no borde do candil atópanse cun tesouro, un fardo de droga. Pensan que como os obxectos máxicos dos contos vailles cambiar a vida. Faino e entón decátanse do valor da liberdade. En “Vivir sen permiso” o idea é o poder. Protagonizado por un capo ido a máis e semella que pode dominalo todo, ata que algo sale do seu control. É un rei Lear. O terceiro relato, “Sagrado mar”, fala da desobediencia. Un mozo encarcelado vi ter que enfrontarse á disciplina da cadea e da súa propia organización. Creo que é o tema máis importante na historia da humanidade, xa que o pecado orixinal non foi outro que a desobediencia e dunha muller, cando Eva escolleu a liberdade.

Pese a ser tres historias independentes, deulles un concepto unitario?

De feito compleméntanse entre elas, aínda con protagonistas e contextos diferentes. Cada historia ten un xeito de ser escrita. Latexan diferente, son tres olladas da escritura. A última é moito máis íntima, se ben é a que ten menos violencia presente, é a máis dura.

Contenido patrocinado

stats