Sondeseu, unha chea de músicos
vigo
A agrupación viguesa, única orquestra folk de Europa, presenta no auditorio de Cangas o seu novo disco “Beiralúa”, iniciando unha xira que lle levará ata outubro polas principales cidades e vilas galegas
“Nun repertorio de máis dunha hora é complicado que non toquemos temas doutros discos, pero este concerto vai adicado ao noso último traballo”. Así Chisco Feijoo deixa a porta aberta a posibles sorpresas perante a actuación desta noite (21 horas) en Cangas. Con “Beiralúa” baixo o brazo, Sondeseu admitíu por primeira vez arranxos de compositores de fóra da agrupación: Xosé Lois Romero, Pedro Lamas ou Quico Comesaña ou a interpretación de artistas invitados como Susana Seivane, Treixadura ou Rosa Cedrón: “Foi unha experiencia moi positiva, queríamos que nos aportasen unha visión externa e resultou marabilloso”, indica Feijoo, aínda que advirte que na actuación desta noite non prevén contar coa presenza destes convidados.
Un dos temas máis esperados é “San Martiño”, unha composición escrita por Anxo Pintos á terceira illa das Cíes, feita a encarga para a promoción da candidatura do archipélago á Patrimonio da Humanidade. Unha presenza que Chisco Feijóo xustifica pola súa musicalidade “que a facían imprescindible nun disco que é como o seu nome día (‘Beiralúa’), todo un círculo, algo redondo, a esencia do traballo da orquestra, o colofón a 17 anos de traxectoria, pero aínda con frescura”.
Sondeseu pasa por ser a única orquestra de folk en Europa. Xurdida en 2001 como un experimento de Rodrigo Romaní no Departamento de Música Tradicional de Artes e Oficios, onde incluía aos mellores alumnos. “Comezou sendo un conxunto instrumental dentro da propia escola, pero o boom que xerou fixo que deseguida gravásemos o primeiro disco, ‘Mar de Vigo’ e dende aquela xa foi todo rodado”, lembra Feijoo, quen forma parte de proxecto dende os primeiros anos. Co tempo, o Departamento de Música Tradicional convertíuse na E-Trad, e Sondeseu continuou ligada ao proxecto.
Co concerto desta noite no auditorio de Cangas, inicia unha xira que levará a orquestra de folk a tocar nunha ducia de localidades galegas ata outubro. Sen datas oficiais, a actuación en Vigo está asegurada. “Para aquí preparábamos algo especial”, asegura Chisco.
Contenido patrocinado
También te puede interesar