A UVigo convoca varios actos de benvida aos novos alumnos

vigo

redacción. VIGO
Publicado: 11 sep 2020 - 02:12
A Universidade de Vigo empeza as clases o 21 de setembro.
A Universidade de Vigo empeza as clases o 21 de setembro.

n n n Os centros da Universidade de Vigo prepáranse para recibir aos estudantes que por primeira vez entrarán nas súas aulas. Facultades e escolas celebrarán do 14 ao 23 de setembro xornadas de benvida destinadas ao alumnado matriculado en primeiro curso. Adaptados para dar cumprimento ás medidas de loita contra o coronavirus, a maioría destes actos terán un carácter presencial e permitirán ás e aos asistentes coñecer de primeira man a contorna académica onde se formarán.

Segundo explican dende a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da UVigo, a situación provocada pola pandemia fixo este ano imposible a celebración dunha benvida como a que tivo lugar o pasado curso, que reuniu nunha xornada lúdica en cada campus ao alumnado de novo ingreso dos diferentes centros. Este ano cada escola e facultade organiza a xornada de benvida ao seu alumnado, elixindo entre formato virtual e presencial, e artellando os grupos e as persoas que interveñen respectando as medidas de seguridade e aforo permitidos segundo a normativa vixente. Para cumprir estas medidas, a maior parte dos centros celebrarán estas xornadas en diversas quendas de estudantes e nalgúns casos en varios días.

Nas sesións que se celebrarán, recibirán información sobre as súas titulacións, sobre os centros nos que desenvolverán a súa vida académica e sobre a propia Universidade de Vigo. A Vicerreitoría de Captación de Alumnado apoiará cada un destes eventos presenciais con mesas informativas nas que se entregará material de promoción, no que se inclúe unha máscara, e facilitando o acceso electrónico a través de paneis con código QR “a toda a información que poida precisar toda persoa que entra a formar parte da comunidade universitaria da UVigo”. No campus de Vigo todas serán presenciais. Iniciaranse o día 14 na Escola de Enxeñaría Industrial e continuarán o día 15 nesta mesma escola, en Enfermaría, en Química e en Ciencias Económicas e Empresariais. O mércores 16 será a quenda de Bioloxía, Enxeñaría de Telecomunicación e Ciencias Xurídicas e do Traballo, repetindo este último centro o acto o xoves 17. Tamén o día 17 terá lugar a benvida de Minas e Enerxía. Ciencias do Mar e Filoloxía e Tradución recibirán ás e aos estudantes de novo ingreso o luns 21 e a Escola Universitaria de Estudos Empresariais o mércores 23. No campus de Vigo haberá un reforzo dos autobuses de subida e baixada ao campus durante os días 15 e 16 entre as 09.00 e 10.00 horas e sobre as 13.00 horas.n

Contenido patrocinado

stats