Vigo, telón de fondo dun filme sobre Moncho Reboiras
vigo
A rodaxe do documental 'Reboiras, Acción e corazón' chegou ao barrio de Teis, onde o sindicalista viviu a súa infancia e adolescencia
nnn O barrio de Teis acolleu a rodaxe do documental 'Reboiras, Acción e corazón', que contará a vida do sindicalista asasinado pola policía franquista o 12 de agosto de 1975 en Ferrol, converténdose na última víctima mortal da ditadura en Galicia. Moncho Reboiras viviu a súa infancia e adolescencia en Teis, “por iso gravamos neste barrio que foi unha zona especial para él”, sinala Alberte Mera, o director da película, “considerámolo fundamental para este filme”.
Mera asegura que foi en Teis, un barrio de clase traballadora onde Moncho Reboiras “adquiriu a súa conciencia nacional e social”, que desenvolvería máis adiante organizando “os primeiros xermes do movemento sindical nacionalista en Vigo cando traballaba en Barreras”.
A película contará a vida de Moncho Reboiras a través dunha serie de entrevistas a persoas que o coñeceron e secuencias de ficción que axudarán a recrear determinados momentos sinalados. A rodaxe de onte consistiu nunha entrevista a Xaquín Méndez Anta, amigo de Moncho Reboiras dende a infancia. Anta resaltou a valentía e xenerosidade de Moncho e o seu papel fundamental á hora de artellar o sindicalismo nacionalista, así como a grande capacidade de Reboiras para organizar e aglutinar traballadores e traballadoras nos anos da ditadura.
O lugar elexido para a rodaxe foi o alto do monte de A Guía, onde o plano da entrevista tomado pola cámara contou cunha imaxe panorámica do barrio de Teis como fondo. O documental tamén se filmará noutros espazos da cidade como a ETEA e o Casco Vello, onde se gravarán entrevistas a Luz Rei, Xesúns Sanxuás, Xosé Moa e o histórico sindicalista da CIG Manuel Mera e actual secretario da Fundación Moncho Reboiras. n
Contenido patrocinado
También te puede interesar