O Vindel achégase aos vigueses
O RETORNO DAS CANTIGAS DE MARTÍN CODAX
Perto de 250 privilexiados foron os primeiros en contemplar o escrito coas sete cantigas de Martin Codax que permanecerán no Museo do Mar ata marzo
O pergamiño Vindel xa está no Museo do Mar, despois de 800 anos fora de Vigo. A xoia da literatura medieval galega pode ser visitado pola cidadanía no horario normal do centro (de 10 a 14 horas e de 17 a 19 horas) co único custe da entrada cotiá (3 euros ou 1,5 para estudantes, desempregados e xubilados). Xa está asequible a todos, despois de meses de preparación nunha iniciativa da Universidade de Vigo, que contou coa colaboración da Xunta de Galicia. Editores, artistas plásticos, músicos, medievalistas, profesores universitarios, políticos e representantes das entidades colaboradoras coa exposición conformaron o grupo de perto de 250 privilexiados que realizaron a primeira visita á mostra que arroupa ao Pergamiño Vindel. Así, o equipo do Museo do Mar, dirixido por Vicente Caramés, vestíuse de longo para presentar o prestixioso préstamo que a Morgam Library de Nova York realizou á Universidade ata marzo de 2018, ofrecendo a oportunidade de contemplar un documento medieval coetáneo ás sete cantigas de Martin Codax que recolle no interior, incluíndo letra e pentagrama. “Ondas do mar de Vigo” é a primeira composición do pergamiño e a máis coñecida. O valor histórico da peza increméntase pola importancia simbólica da mesma, xa que onte regresou á casa, o lugar que inspirou ás composicións que contén, 800 anos despois de teren sido escritas, no século XIII.
Nun museo dentro do museo, protexido con niveis de temperatura e humidade controlados, á sala de arqueoloxía subacuática transformouse para acoller á montaxe máis agardada nos últimos meses na cidade. Instalada en 250 metros cuadrados e cun percorrido circular, o pergamiño Vindel coroa unha viaxe por 50 obras distribuídas en sete apartados, tantos como cantigas. “A exposición busca o equilibrio entre as pezas orixinais do século XIII e a creatividade galega contemporánea”, indicou o comisario, Francisco Singul, que reseñou a importancia dos obxectos que se mostran, pero tamén do carácter simbólico da exposición en si “que ten como fondo o mar de Vigo”.
Pezas escultóricas, documentos da época, heráldica, instrumentos musicais ou arte ornamental na época comparten espazo con obras de Darío Basso, Alfredo Erias, Teresa Irisarri o Héitor Picallo. Todas elas dirixen ao visitante ata o “santa santorum”, onde o escrito de 34x45 centímetros amósase dentro dunha urna coa paisaxe coas illas Cíes, de Lugrís, como marco de fondo. “O pergamiño é un luxo, está escrito pola parte da carne, co exterior sen nada; é unha obra de gran calidade”, apuntou o comisario, quen lembrou que as últimas investigacións concluirán que foron catro autores os que participaron na súa creación: dous decoradores que realizaron a pauta e as letras capitais e dous amanuense (copistas), o primeiro un mestre cun alta técnica no traballo, que é autor das seis primeiras cantigas, e un segundo, de menor calidade no acabado, que se encargou na última.
O achegamento do pergamiño aos escolares é unha das prioridades das actividades paralelas. O Museo do Mar xa conta con reservas de centros escolares de toda Galicia ata o xaneiro. Asemade, a Universidade última un simposio que reunirá en Vigo aos mellores medievalistas do mundo, además de preparar un ciclo de conferencias e concertos para arroupar o Vindel.
Contenido patrocinado
También te puede interesar